A demisión de Esperanza Aguirre aumenta a presión política sobre Rajoy

"Por responsabilidade política". Así xustifica Esperanza Aguirre a súa demisión como presidenta do PP de Madrid. Faino após os últimos escándalos de corrupción que salferiron o partido de Mariano Rajoy, que fica agora nunha situación de maior presión política.

aguirre granados
photo_camera Aguirre con Granados

Nunha conferencia de imprensa convocada de maneira urxente, Esperanza Aguirre anunciou que abandona a Presidencia do Partido Popular de Madrid. Di que o fai por “responsabilidade política” após as últimas noticias sobre os casos de corrupción no PP e sobre a suposta trama de financiamento ilegal.

Nega "responsabilidade directa"

Así, Esperanza Aguirre vinculou a súa decisión coa “serie de noticias de trascendencia relacionadas co PP”. Engadiu que aínda que “haberá que confirmar e calibrar” esas informacións, admitiu a súa “gravidade”. Malia asegurar non ter ningunha “responsabilidade directa” cos casos de corrupción do PP salientou que “si teño unha responsabilidade política que asumo porque creo que hai que asumir responsabilidades políticas”.

Aguirre asegurou que falou co presidente do partido, Mariano Rajoy, e que lle transmitiu que a comprende. A decisión de Esperanza Aguirre aumenta a presión política sobre o presidente do Goberno en funcións en relación cos casos de corrupción e de suposto financiamento ilegal que salfiren o PP.

Os antecedentes

Na pasada sexta feira, a ex presidenta do PP de Madrid compareceu perante a comisión de investigación sobre corrupción política na Asemblea de Madrid para falar sobre a actividade da Axencia de Informática e Comunicacións. Ademais, Aguirre viña de amosarlles a súa confianza a dos ex conselleiros da Comunidade imputados na trama Púnica.

Pola outra banda, na pasada quinta feira, a Garda Civil acudiu a Génova para rexistrar a sede do PP a petición do xuíz da Audiencia Nacional Eloy Velasco, quen investiga a trama Púnica.

Comentarios