Crise dos pellets

O Goberno estatal faise eco de 'Nós Diario' e ve "absolutamente claro" que a Xunta coñecía a vertedura de pellets desde decembro

Pedro Branco insiste en que o Estado ten preparado un amplo dispositivo para axudar na limpeza das praias, mais advirte: "Parece que a Xunta non ten interese en utilizalo".
Pellets de plástico na praia coruñesa de Sabón. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)
photo_camera Pellets de plástico na praia coruñesa de Sabón. (Foto: Gustavo de la Paz / Europa Press)

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Pedro Branco, asegurou esta quinta feira que está "absolutamente claro" que a Xunta coñecía a chegada de pellets ás costas galegas desde o pasado mes de decembro: "Volver a iso é tentar xerar néboa", criticou.

Así o dixo, en declaracións aos medios, apuntando que, ademais da chamada recibida polo 112 o 13 de decembro, na que un particular informaba da localización destes residuos plásticos, hai "un informe interno de persoal de Medio Ambiente" con "coñecemento da existencia de pellets" datado ese mesmo día e redactado o 19 de novembro, en alusión á información desvelada en exclusiva por Nós Diario.

Nas mesmas declaracións, Branco afeou á Xunta falta de "feedback" co Goberno español en relación aos medios de procura de pellets. "Nós informamos todos os días dos medios que sacamos, pero non se nos informa dos da Xunta", dixo, e lamentou: "Non sabemos exactamente que están a facer".

Igual que fixera esta cuarta feira, o delegado volveu pór en dúbida os medios que saca a Xunta no seu operativo que, dixo, cónstalle "que non son todos os que din", e volveu tender a man do Goberno estatal para colaborar na recollida por terra cando a Xunta diga "onde e como queren" a axuda do Estado.

"Temos un retén importantísimo para pór inmediatamente en marcha", dixo Pedro Branco, que criticou que "parece que a Xunta non ten interese en utilizalo" a pesar de que "a maneira máis efectiva é recoller os pellets en terra".

Segundo informou a Delegación do Goberno, esta quinta feira continuarán as batidas por aire e mar con medios de Salvamento Marítimo para tratar de localizar sacos de pélets. En concreto, sairá o Avión AS 102 Rosalía de Castro, que buscará pola zona de Rías Baixas e na área Corrubedo-Cabo Silleiro. Pola súa parte, a Salvamar Mirach revisará a ría de Vigo e inmediacións.

Comentarios