O Debate do Estado da Nación será o 9 de outubro

A Xunta rexistrará a próxima segunda feira na Cámara a solicitude.
Feixoo, de costas, durante o último Debate sobre o estado da nación (Imaxe: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Feixoo, de costas, durante o último Debate sobre o estado da nación (Imaxe: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

A Xunta da Galiza rexistrará a próxima segunda feira, día 18 de setembro, na Cámara galega, a solicitude para que o Debate sobre o estado da Nación teña lugar nun pleno do mes de outubro, segundo confirmaron fontes do Goberno galego.

Tendo en conta os prazos parlamentarios, a sesión de política xeral arrincaría noutra segunda feira, 9 de outubro.

A cita suporá a primeira vez que o titular do Executivo Galego, Alfonso Rueda, interveña no Debate sobre o estado da Nación como presidente, após ser investido en maio do pasado ano logo da marcha de Alberto Núñez Feixoo a Madrid para liderar o PP estatal.

Deste modo, á vista dos prazos e se se segue o guión habitual nestas sesións, a cita política podería arrincar o día 9 de outubro coa intervención do presidente da Xunta.

Despois dela, teñen lugar as comparecencias dos e das portavoces da oposición.

Logo dunha xornada de parada na que os partidos políticos presentan as súas propostas de resolución, o debate poderase renovar o día 11 coa votación destas iniciativas.

Comentarios