CxG converterase en partido político o 16 de decembro

Compromiso por Galicia celebrará o vindeiro 16 de decembro en Compostela a Asemblea Nacional Constituínte dun partido político. O proceso agora está nas asembleas comarcais que votarán e presentarán emendas.

A formación que lidera Xoán Bascuas decidiu o pasado 27 de outubro no Consello Político Nacional convocar un Congreso Constituínte. Será o 16 de decembro en Compostela e poderán participar toda a afiliación que teña as cotas pagas no momento de acreditarse na asemblea. Para sufragar os gastos da asemblea @s asistentes pagarán unha cota de 2€ que aboarán no momento de se acreditaren. Antes do propio Congreso, e até o 8 de decembro, celebraranse asembleas comarcais para a presentación e votación de emendas. 

Compromiso por Galicia nacera no mes de maio despois do acordo entre Acción Galega, Espazo Ecosocialista e +Galiza. Antes das eleccións sumáronse outras forzas e pasou a formar parte de AGE a formación de Xoán Hermida. Despois dos resultados electorais do pasado 21-N, onde CxG non conseguiu representación no Parlamento Galego, a formación que lidera Xoán Bascuas abriu un período de reflexión que comezou o 27 de outubro coa Convocatoria de Asemblea Nacional Constituínte en xuntanza do CPN, a aprobación das propostas de Estatutos, Orde do Día e Relatorio Político o 24 de novembro e as asembleas comarcais que se celebrarán até o 8 de decembro. O paso seguinte é o ditame de emendas e remisión ás comarcas por parte do Consello Nacional e a Asemblea Nacional Constituínte que terá lugar o 16 de decembro.

Sandra Araúxo, secretaria de organización de CxG, asegurou que "é o tempo de converterse nun proxecto partidario único, con carácter abranxente pero cunhas propostas claras e precisas para os tempos que nos tocaron vivir que faga que sexamos útiles para o conxunto da cidadanía". O proceso para Araúxo é "participativo" e pon como exemplo que os textos están abertos a militantes e simpatizantes, "o que diferencia a Compromiso das demais forzas políticas é que o que predicamos, tamén o facemos".

Comentarios