O candidato de Ciudadanos ao Parlamento Europeo, Javier Nart, visitou Galiza na súa axenda de campaña das eleccións municipais e europeas do vindeiro 26 de maio. O candidato aproveitou para sinalar o medre das forzas “eurófobas” como o reto máis importante a enfrontar pola Unión Europea.
Nese sentido chamou á unidade das forzas “europeístas”, nas que englobou o Partido Popular Europeo, onde se encadra o PP; a formación da socialdemocracia europea, na que se atopa o PSOE; e máis a Alianza de Liberais e Demócratas, en que se inscribe Cs. Entre eles considera necesario alcanzar acordos para políticas de "harmonización fiscal e profundar nunha construción de Europa”.
“O 80% do que ocorre en calquera país deriva das normas que se aproban no Parlamento Europeo", sinalou Nart
Nart recalcou a importancia de participar nas eleccións europeas porque “o 80% do que ocorre en calquera país" deriva das normas que se aproban no Parlamento Europeo.
Reclaman mellor conexión de Galiza coa península
No marco dun encontro do eurodeputado Javier Nart con representantes do empresariado en Vigo, o candidato de Ciudadanos ao Parlamento Europeo apuntou como principal problema de Galiza a dispersión poboacional e a conexión entre os distintos núcleos. A este respecto, avogou por impulsar unha “conexión ferroviaria de alto nivel" entre Galiza e o resto da península e do continente “para que as empresas galegas teñan capacidade de acceder a distintos mercados”, sinalou.