O Congreso retomou onte o relatorio creado en setembro de 2021 para tramitar a proposición de lei que enviou o Parlamento galego para transferir á Xunta a titularidade e competencias da autopista AP-9, pero os grupos que asistiron á reunión limitáronse a expor as súas posicións de partida e quedaron en empezar a discutir as emendas a finais de marzo.
O PP e o BNG recalcaron ante o PSOE que aquela norma foi aprobada por unanimidade na Galiza e rexeitaron os intentos do Partido Socialista de rebaixar o seu alcance durante a tramitación no Congreso.
Pola súa parte, o relator do PP Celso Delgado insistiu en que non basta con traspasar ao país "a administración e a explotación da autopista", senón tamén a "titularidade e competencias".
O BNG urxiu en numerosas ocasións o Goberno estatal a finalizar a concesión e a rescatar a AP-9 para que esta autoestrada sexa "galega e libre de peaxes". O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, pedira o mes pasado desbloquear a tramitación no Congreso do proxecto de lei para a transferencia da AP-9 á Galiza e completar así o procedemento co texto aprobado pola unanimidade do Parlamento galego.
Estas demandas da formación nacionalista déronse despois de que a UE declarase ilegais as prórrogas de 10 e 25 anos realizadas polos gobernos de PSOE e PP, polo que Rego criticara que a poboación galega "leva pagando ilegalmente desde 2013 unha infraestrutura que debería ser pública e gratuíta". De feito, as peaxes da AP-9 son unhas das máis caras de todo o Estado e que máis subiron de prezo.
Por todo isto, Rego reiterou onte a petición de que PSOE e PP dean vía libre ao texto.
De avanzar na tramitación e chegar ao Pleno do Congreso, a norma precisaría da maioría absoluta para a súa aprobación.