Unha mostra moi pequena do CIS coloca o PSdeG como primeira forza nunhas eleccións ao Congreso

Con apenas 196 entrevistas realizadas no conxunto do país, o propio instituto demoscópico alerta de que a marxe de erro é moi considerábel, arredor de 7,1 por cento. Os datos son por tanto relativamente pouco indicativos. Mostran, iso si, certas tendencias: o ascenso claro do PSdeG, a división no campo da dereita e a caída de En Marea. O BNG non aparece no estudo por ser neste momento, e no ámbito estatal, forza extraparlamentar.

Gonzalo Caballero no Parlamento Galego
photo_camera Gonzalo Caballero, líder do PSdeG

A mostra é moi pequena, mais mesmo tendo en conta a marxe de erro (7,1 por cento de desviación para arriba ou para abaixo) o inquérito evidencia a grande progresión experimentada polo PSdeG-PSOE desde o triunfo da moción de censura de Pedro Sánchez. Volta a cumprirse o aforismo político de que ao PSdeG lle vai ben cando ao PSOE lle vai ben.

En intención directa de voto, o inquérito deita estes resultados: 25,5 por cento dos apoios para o PSdeG; 19,4 para o PP; 12,2 para Ciudadanos; e 5,1 por cento para En Marea. Aparece no inquérito unha sigla extraparlamentar, Vox, marca ao que o instituto demoscópico público xa contemplou no seu anterior traballo, cunha obvia intencionalidade política. Non consta o voto ao BNG, aínda que se atribúa un 2 por cento ao epígrafe 'outro partido'.

Hai outros elementos no inquéritos reseñábeis. O primeiro, o de que forza sería a segunda opción de voto favorita. Aí gañaría Cs, con 21,3 por cento, o cal mostra o potencial de crecimento que ten a marca de Albert Rivera no noso país (neste momento é extraparlamentar, en xuño de 2016 perdeu o escano que conseguira na Coruña nas eleccións de decembro de 2015). Inmediatamente despois dos laranxas aparecería En Marea, con 14,2 por cento; o PP, con 11,8 por cento, e o PSOE, con 6,3.

O voto con simpatía —materia prima a partir da cal a cociña elabora o prognóstico final de voto válido emitido— volta a colocar o PSdeG en cabeza con 27,6 por cento face ao 21,9 do PP, o 12,8 de Cs, o 6,1 de En Marea, o 0,5 de Vox e o 2,6 por cento de 'outro partido'.

Se temos en conta que a marxe de erro para unha mostra deste tamaño é de 7,1 por cento, e tendo en conta o historial das eleccións ao Congreso na Galiza, veríamos que na banda do seu resultado máximo o PP podería conseguir 29 por cento do voto. De por parte, se a marxe de erro lla aplicamos ao PSdeG por abaixo -descontándolle ese 7,1 por cento- a marca socialdemócrata podería ficar cun 20,5 por cento. Canto á Marea, o resultado máximo posíbel sería de 13,2 por cento, en tanto que ese 'outro partido', que na Galiza verosimilmente só podería vir a ser o BNG, tería o teito en 9,7 por cento.

Tampouco é irrelevante a pergunta sobre a que presidente prefiren as persoas entrevistadas. Gaña Pedro Sánchez, con 24 por cento dos apoios, 4,6 puntos por cima de Pablo Casado, que obtén 19,4 por cento (a desvantaxe é inferior á marxe de erro). Rivera xa fica máis atrás, con 15,8 por cento, en tanto que Pablo Iglesias só obtería o respaldo de 5,6 por cento das e dos inquiridos.

En todo caso, á hora de avaliar estes resultados convén lembrar de onde parte cada forza política: nas últimas eleccións xerais, xuño de 2016, o PP gañou con 41,49 por cento do voto, fronte a 22,25 por cento do PSOE, 22,18 por cento de En Marea e 8,63 por cento de Ciudadanos.

A comparación Galiza-España

Se pomos os datos de intención directa de voto do CIS referidos ao noso país en relación aos do Estado tiraremos as seguintes conclusións:

-O PP cae menos na Galiza do que en España, co 19,4 por cento face ao 12,6 por cento.

-O PSOE tamén está mellor na Galiza do que en España, co 25,5 por cento face ao 21,7.

-Ciudadanos está máis forte en España do que na Galiza, co 15,3 por cento face ao 12,2 por cento.

-Unidos Podemos está máis forte en España do que En Marea na Galiza, co 8,1 por cento face ao 5,1 por cento.

Comentarios