Calviño e Caballero tratan a reactivación económica

A vicepresidenta segunda do Goberno español asegurou ao socialista que haberá unha transferencia de 234 millóns de euros a Galiza. O destino dos cartos será o das "axudas directas a pemes e autónomos".
Nadia Calviño e Gonzalo Caballero. onte en Madrid. (Foto: PSdeG)
photo_camera Nadia Calviño e Gonzalo Caballero, hoxe, en Madrid. (Foto: PSdeG)

Despois do seu paso nos últimos días pola Galiza, Nadia Calviño, vicepresidenta segunda do Goberno do Estado e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, reuniuse esta quinta feira na sé do Ministerio en Madrid con Gonzalo Caballero, secretario xeral do PSdeG.

Na xuntanza trataron a axenda galega e a reactivación económica da Galiza nas cuestións que atinxen á área de traballo de Calviño, ámbalas dúas coincidiron nas declaracións efectuadas ao finalizar o encontro que “a mellor reactivación é a que vai da man da recuperación do emprego”.

Calviño confirmou a Caballero que o Estado trasferirá a Galiza 234 millóns de euros para axudas directas destinadas a pemes e autónomos, “o maior paquete da historia de axudas directas” a este sector, destacou Caballero.

Tamén se abordaron aspectos como a dixitalización da economía, e a importancia de que os fondos Next Generation estean vencellados á xeración de emprego á hora de darlle prioridade a un ou outro proxecto.

Outro dos puntos da xuntanza versou sobre a potencialidade de Galiza nos eidos da dixitalización, novas tecnoloxías e intelixencia artificial. “A Cidade das TIC na Coruña, o CiTIUS de Santiago ou a facultade de Telecomunicacións de Vigo exemplifican a capacidade de centros galegos para xerar novo coñecemento”, salientou Caballero.

Para o deputado no Parlamento, os centros galegos de innovación ostentan unha importante potencialidade para integrarse na Estratexia Nacional de Intelixencia Artificial e avanzar cara unha industria 4.0 que impulse os polos de innovación dixital na Galiza como “motor de modernización dos sectores produtivos galegos”.

Decreto 'atrapatodo'

O día parlamentar estivo marcado pola presenza de Calviño no Congreso para impulsar nun só decreto lei dez directivas europeas sen relación, co gallo de incorporar estas regulacións a lexislación, que abarcan normas de dereitos das consumidoras e consumidores, competencia, directivas bancarias relacionadas con requisitos de capital, resolución e reestruturación, IVE no comercio electrónico, prevención e loita contra o branqueo e financiamento do terrorismo, dereitos das traballadoras desprazadas e responsabilidade ambiental.

Comentarios