Caballero insta a Xunta a reabrir os pequenos negocios fechados pola Covid-19

O secretario xeral do Partido Socialista (PSdeG), Gonzalo Caballero, reclamou este domingo que a Xunta de Galiza articule un plan de reapertura de "pequenos negocios que fecharon por mor da pandemia" da Covid-19.
EuropaPress_3682960_secretario_xeral_psdeg_gonzalo_caballero_rueda_prensa
photo_camera O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Cabalero. (Foto: Europa Press)

En declaracións remitidas aos medios, o líder do Partido Socialista (PSdeG), Gonzalo Caballero contrastou a política de "brazos caídos" do Goberno de Alberto Núñez Feixoo coa do Goberno do Estado, xa que nas próximas semanas chegarán "máis de 200 millóns de euros en axudas directas" para pequenas empresas e traballadoras autónomas.

Por esta razón, Gonzalo Caballero considera que o Executivo debe aprobar "inmediatamente" un programa de reapertura de negocios que tiveron que fechar polo coronavirus, co obxectivo de xerar emprego e que as familias "teñan ingresos mes a mes".

"A Xunta non pode seguir de brazos caídos. As pequenas empresas e os autónomos necesitan respaldo para poder reabrir", insistiu Caballero.

A portavoz nacionalista no Parlamento, Ana Pontón, xa comparecía o sábado para reclamarlle ao Goberno da Xunta que tomase medidas unha vez decaese o estado de alarma. Por un lado Pontón pedía a restrición da mobilidade a concellos coa mesma incidencia de contaxios.

Por outro lado, solicitaba a “non discriminación” nas medidas que afectan aos diversos estabelecementos hostaleiros, xa que agora os bares debe fechar ás 23.00 horas, mentres os restaurantes poden facelo á 1.00 da madrugada.

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo explicaba nunha entrevista radiofónica na mañá do domingo, que estima que no mes de xullo “máis de 50% da poboación” estará vacinada, polo que se poderían organizar eventos de até 10.000 persoas cun “protocolo estrito”, no que se respecten as entradas e saídas, coa xente sentada e “sen interacción social”.

Con todo, de cara á reapertura do lecer nocturno, o presidente valorou que "necesitaría un protocolo algo máis intenso" para que retome a súa actividade.

Comentarios