Calviño sitúa a recuperación na segunda metade do ano

Fala de "compromiso" estatal coa industria galega
A ministra de Economía deu onte unha conferencia na UDC. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
photo_camera A ministra de Economía deu onte unha conferencia na UDC. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

A vicepresidenta segunda e ministra de Asuntos Económicos e Transformación Dixital, Nadia Calviño, defendeu esta segunda feira na Coruña o "compromiso" do Goberno español coa Galiza e o "apoio decidido" á industria galega e aos seus traballadores e traballadoras.

Fíxoo antes de pronunciar unha conferencia na Facultade de Economía da Universidade da Coruña (UDC), de reunirse con empresarios e representantes sindicais, en resposta a unha cuestión sobre o recente encontro que mantivo co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, e pola situación de empresas como Alu Ibérica ou a central térmica das Pontes.

Da xuntanza con Feixoo e de posíbeis medidas concretas que dela puidesen saír, Calviño afirmou que o Goberno español está "comprometido con apoiar esta terra e a cidadanía, tratar de garantir que Galiza participe desta importante recuperación económica, que cremos que se vai iniciar na segunda parte deste ano", expuxo.

Nesta liña incidiu en que o Executivo estatal "apoia decididamente" a industria e os traballadores e as traballadoras galegas no actual contexto de transformación, e en relación á situación da térmica das Pontes ou de Alu Ibérica, Calviño sinalou medidas como o estatuto do consumidor electrointensivo ou as axudas adicionais aprobadas dentro dos fondos de recuperación para "tratar de acompañar o proceso de innovación tecnolóxica e de eficiencia enerxética", dixo a ministra.

Aliás, expuxo que o obxectivo é evitar "o fechamento das fábricas" e minimizar o "impacto negativo" sobre o emprego. Con todo, apelou tamén á responsabilidade das propias empresas.

Centrados na vacinación

Nestas mesmas ideas profundou Calviño durante o seu discurso na UDC. Nel, a ministra indicou que, dentro das prioridades da súa política económica, a primeira medida é a de seguir avanzando na vacinación para continuar coa protección da economía e o emprego. 

Por detrás estarían a consecución da estabilidade financeira e o despregamento das reformas e investimentos do Plan de recuperación, que se sustenta en catro eixes de actuación: a transformación verde da economía, a dixitalización, a mellora da cohesión social e territorial e a loita pola igualdade de xénero.

Comentarios