A aposta do PSdeG para Galiza: reforma estatutaria e máis autogoberno

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu o "compromiso federalista" da súa formación nun acto con motivo do 40º aniversario do Estatuto de Autonomía de Galiza, en que tamén participaron o ex ministro do Goberno español Francisco Caamaño e o catedrático da USC Ramón Maiz.

Gonzalo Caballero, cierra el acto 'Autonomía e federalismo',
photo_camera De esquerda a dereita, Caballero, Caamaño e Maiz, no acto deste sábado (Arxina / Nós Diario)

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, defendeu o "compromiso federalista" da súa formación e volveu apostar por unha reforma do Estatuto de Autonomía que evite deixar Galiza "atrasada" con respecto ás desenvolvidas noutros territorios do Estado, e que permita adaptar a esta norma institucional básica aos retos do século XXI.

Así se pronunciou nun acto organizado este sábado, 17 de abril, con motivo do 40º aniversario do Estatuto de Autonomía de Galiza e que contou coa participación do ex ministro de Xustiza no Goberno español, o galego Francisco Caamaño, e o catedrático de Ciencia Política da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Ramón Maiz.

Gonzalo Caballero reivindicou o federalismo en España como o "mecanismo" que permite "unha asignación máis eficiente de recursos" e un modo de "protexer dereitos e liberdades". Nesta liña, salientou que este modelo federalista facilita que as políticas se poidan adaptar ás "diversas" demandas dun territorio, así como favorecer a participación nos asuntos públicos e "o sentimento de comunidade democrática". Contribúe a que a cidadanía "poida entender que os problemas que lles preocupan están máis perto deles" e que "deciden" a respecto diso.

Estatuto

Tamén reivindicou o "compromiso claro" do PSdeG coa autonomía e co autogoberno. Así, puxo en valor o Estatuto de Autonomía de Galiza, que segundo el evitou que o país se convertese nunha comunidade autónoma española "de segunda".

Dada a pandemia e as consecuencias económicas derivadas da mesma, o secretario xeral dos socialistas galegos incidiu na importancia de que "non queden supeditadas outras cuestións", entre as que salientou a adaptación do Estatuto de Autonomía á sociedade actual.

Ante unha sociedade que "mudou radicalmente", desbotou que sexa posíbel "crer que en Galiza os tempos non importan". Lembrou neste sentido que "outras comunidades renovaron os seus estatutos", polo que advertiu de que Galiza "non pode quedar atrasada".

Seguindo con esta liña argumental, Caballero volveu apostar por abordar a reforma do Estatuto tras a pandemia, algo que non se pode realizar "mirando os problemas do século XX", un período en que "ninguén escoitara falar" do teletraballo, da intelixencia artificial ou da urxencia ambiental derivada do cambio climático.

Máis autogoberno

Para o líder do PSdeG cómpre "un debate novo" e "repensar" o Estatuto "sen quitarlle valor e importancia", mais "entendendo que se pode adaptar" á sociedade actual. É momento de "avanzar na federalización da autonomía desde unha nova óptica" e alcanzar "unha Galiza con máis autogoberno".

Caballero reafirmou o "compromiso federalista" do PSdeG e avogou por un "novo marco estatutario" que combine a historia e a situación actual do país para "dar as mellores solucións aos galegos".

O seu partido ─dixo─ debe xoga "un papel de vangarda" de cara a alcanzar unha Galiza que "impulse o dinamismo no eixo Atlántico" e "o desenvolvemento no interior", en tanto que afronta retos como o demográfico e concibe a memoria histórica como un "símbolo de tolerancia".

Fronte ao "inmobilismo" do PPdeG que "non alcanzou unha soa transferencia en 12 anos (de Goberno á fronte da Xunta)", defendeu a actuación da súa formación ─terceira en número de representantes por detrás dos populares e do BNG─, que presenta iniciativas parlamentarias para conseguir unha trintena, sostivo.

Froito da mobilización nacional

Pola súa banda, o ex ministro Caamaño puxo en valor a figura do Estatuto de Autonomía como "expresión da dignidade" e augurou que a nova etapa política de Galiza deberá pasar por unha mellora das institucións e unha maior conciencia do autogoberno, mais tamén "dun valor que poucos pobos teñen".

Tras realizar un percorrido polo desenvolvemento do Estatuto de Autonomía, o ex ministro de Xustiza chamou a "non deixarse levar polo aparello fácil da uniformidade" e salientou a importancia de "crer" na norma autonómica.

E o catedrático Ramón Maiz lembrou que o Estatuto naceu "como resultado dunha mobilización nacional" que buscou evitar que Galiza se convertese nunha "autonomía de segunda". Ademais, defendeu o federalismo como "unha forma de entender a política como acordo entre iguais" e "un modo de chegar a acordos" mediante a discusión pública.

A este respecto, explicou que este modelo organizativo "achega unha visión de goberno multinivel" e artéllase en base ao municipalismo.

Comentarios