Bruxelas expedienta o Estado español pola súa Lei de Costas que permite prórrogas de até 75 anos a industrias

A lei española permite ampliar até 75 anos as concesións de restaurantes e industrias na costa.
A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von Der Leyen esta cuarta feira (Foto: Eric Vidal / European Parliament / d / DPA).
photo_camera A presidenta da Comisión Europea, Ursula Von Der Leyen esta cuarta feira (Foto: Eric Vidal / European Parliament / d / DPA).

A Comisión Europea informou esta cuarta feira do inicio dun procedemento de infracción contra o Estado español por falta de transparencia nos procedementos de adxudicación de concesións no dominio público marítimo terrestre do litoral e porque cre que as prórrogas sen xustificación son "contrarias" ás regras da Unión Europea (UE). A lei española permite ampliar até 75 anos as concesións de restaurantes e industrias.

"A Comisión decidiu incoar un procedemento de infracción contra España por non garantir un procedemento de selección transparente e imparcial para a adxudicación de concesións relativas ás zonas costeiras", informou o Executivo comunitario.

Os servizos comunitarios engaden nun comunicado que, na súa opinión, a posibilidade de prorrogar as concesións existentes por un período de até 75 anos sen xustificación "é contraria ás normas da UE".

A Lei de Costas española prevé a posibilidade de adxudicar "sen levar a cabo procedementos de selección abertos e transparentes" unhas "concesións" para construír locais permanentes como restaurantes, empresas papeleiras ou químicas, segundo resume Bruxelas, en espazos de dominio público marítimo-terrestre fóra dos portos.

Dous meses para solucionar a situación

Tampouco gusta a Bruxelas que a lei española permita ampliar a duración de tales concesións por un período de até 75 anos, "unha vez máis sen procedemento de selección algún", polo que conclúe que "infrinxe a directiva de Servizos".

Neste contexto, os servizos comunitarios enviaron unha carta de emprazamento ás autoridades españolas, que é o primeiro paso dun expediente sancionador e concede un prazo de dous meses ao país infractor para pór solución á situación.

No caso de que non haxa acordo entre Bruxelas e España, o procedemento prevé aínda unha segunda fase (ditame motivado) que dá uns meses máis de espazo ao diálogo para resolver as dúbidas antes de que o Executivo comunitario decida se eleva o caso ao Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).

Plans hidrolóxicos

Tamén a Comisión Europea (CE) informou esta cuarta feira da apertura dun expediente sancionador contra o Estado español por non adoptar e comunicar a tempo a Bruxelas as revisións dos plans hidrolóxicos de conca e os plans de xestión de riscos de inundación, tal e como exixen as regras comunitarias.

Co envío dunha carta de emprazamento, os servizos comunitarios inician así un procedemento de infracción que dá un prazo de dous meses ás autoridades españolas para resolver as deficiencias sinaladas.

No caso de que persistan os problemas, o Executivo comunitario pode enviar un ditame motivado para dar uns meses máis de marxe de diálogo antes de concluír se acode ao Tribunal de Xustiza da UE (TXUE).

As obrigas

Segundo lembran os servizos comunitarios nun comunicado, os Estados membro están obrigados a actualizar e comunicar os seus plans hidrolóxicos de conca, por unha parte, e os plans de xestión do risco de inundación, por outro, cada seis anos.

Os plans hidrolóxicos de conca inclúen un programa de medidas imprescindíbeis para garantir o bo estado de todas as masas de auga de acordo coa Directiva, apunta Bruxelas; mentres que os plans de xestión do risco de inundación desenvólvense en base a mapas que mostran as posíbeis consecuencias negativas asociadas cos escenarios de inundación.

Outros Estados expedientados

Ademais do Estado español, a Comisión Europea iniciou expedientes a outros 15 países do bloque comunitario por atrasos na adopción e comunicación dos seus respectivos plans hidrolóxicos.

Comentarios