O BNG cre que o delito de desordes públicas agravadas "poderá usarse para reprimir protestas sociais"

Néstor Rego lembra a acción das '19 de Meirás' e advirte: "Con esta modificación, a resolución tería sido diferente".
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, esta terza feira, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O BNG considera que a supresión do delito de sedición impulsada por PSOE e Unidas Podemos podería supor un "retroceso nas liberdades e dereitos públicos" ao introducir o tipo penal de desordes públicas agravadas, se ben desde as forzas do Goberno estatal afirman que "non se trata dunha substitución" dun delito por outro.

Néstor Rego, deputado nacionalista no Congreso, asegura compartir a "necesidade de desxudicializar a vida política a través da eliminación do delito de sedición", mais avanza que rexistrará emendas á proposta legal de PSOE e UP co obxectivo de "corrixir as contrapartidas introducidas" que, ao seu entender, poderían "posibilitar a vulneración de liberdades públicas e dereitos como o de manifestación".

"Parécenos positivo que se elimine o delito de sedición mais non que sexa substituído por outro delito que, ademais, pode ter unha aplicación máis ampla e máis extensa como é o delito de desordes públicas agravadas", apunta Rego, quen considera que este último tipo penal "podería permitir a persecución de calquera tipo de protesta social e de discrepancia política que se exprese en forma de mobilización popular".

Neste senso, o congresista pon o foco na inclusión do concepto de 'intimidación', "un termo tremendamente subxectivo que pode provocar a persecución e condena de persoas que participan nunha mobilización, simplemente polo feito de que alguén —especialmente as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado— declare que se sentiu intimidada", sinala.

O deputado nacionalista entende que esta acusación "é algo que dificilmente se pode demostrar, mais dada a habitual inversión da carga da proba quen tería que demostrar que non houbo intimidación serían as persoas acusadas", manifesta.

Rego fai tamén alusión á protesta das '19 de Meirás', que en 2017 accederon ao recinto para reclamar a súa devolución ao patrimonio público: "A xustiza desestimou a denuncia interposta pola familia Franco contra 19 persoas por ocupar o pazo de Meirás; con esta modificación proposta por PSOE e UP, probabelmente a resolución tería sido diferente porque se pena con cárcere a ocupación como protesta de edificios públicos ou privados".

Comentarios