O Congreso español terá a última palabra na derrogación do delito de sedición

O Goberno español rexistrou onte no Congreso dos Deputados a proposta que derroga o delito de sedición e reduce as penas no novo delito polo que ficaría substituído: de 15 a 5 anos de prisión e de 15 a 8 de inhabilitación.
Pere Aragonès interveu onte no Palau da Generalitat para avaliar a fin do delito de secesión. (Foto: Rubén Moreno / Presidencia da Generalitat)
photo_camera Pere Aragonès interveu a sexta feira no Palau da Generalitat para avaliar a fin do delito de secesión. (Foto: Rubén Moreno / Presidencia da Generalitat)

A coalición de Goberno no Estado español, conformada polo Partido Socialista e Unidas Podemos, rexistrou a sexta feira na Cámara Baixa unha proposición de lei orgánica que inclúe a derrogación do delito de sedición para substituílo por outro de desordes públicas agravadas.

De ser aprobada a norma con esta redacción, castigarase con “penas de prisión de seis meses a tres anos os que, actuando en grupo e co fin de atentar contra a paz pública, executen actos de violencia ou intimidación”, como obstaculizar as vías públicas ocasionando un risco á saúde ou “invadir instalacións ou edificios”.

Cando estes actos estean cometidos “por unha multitude cuxo número, organización e propósito sexan idóneos para afectar a orde pública”, a pena de cárcere será de entre tres e cinco anos, co mesmo período de inhabilitación, e que, no caso de autoridades, elevarase a entre seis e oito anos.

Isto implica unha redución das condenas de prisión e inhabilitación que no delito de sedición aínda en vigor están estabelecidas entre 10 e 15 anos.

No texto, defenden que esta proposta busca “harmonizar a lexislación española” coa dos principais Estados da Unión Europea (UE), recollendo que este delito ten unhas penas previstas de “elevada gravidade” en comparación con Estados como Alemaña, Francia, Italia, Suíza, Bélxica ou Portugal. Asemade, fai fincapé en que a “confusa definición” da sedición xera “graves problemas de interpretación”.

Por parte do PSOE, o voceiro no Congreso, Patxi López, insistiu en que a actuación das e dos líderes independentistas catalás que organizaron un referendo de autodeterminación en 2017 continuará a ser perseguida xudicialmente baixo esta nova tipoloxía.

Nese sentido, subliñou que as extradicións de acusados naquel proceso xudicial, como a do ex presidente catalán Carles Puigdemont, que foron rexeitadas por varios Estados da UE, terían sido aceptadas de terse aplicado antes esta mudanza no Código Penal.

Ao respecto destas cuestións, o presidente do grupo parlamentar de Unidas Podemos, Jaume Asens, incidiu en que coa nova redacción ninguén podería “ser acusado e xulgado” polos acontecementos en Catalunya.

Ambas as dúas formacións desvincularon esta modificación das conversas con Esquerra Republicana de Catalunya (ERC) para a aprobación dos Orzamentos Xerais do Estado de 2023

Mesa de diálogo bilateral

Así e todo, o president da Generalitat e coordinador nacional de ERC, Pere Aragonès, sostivo que esta medida forma parte dun acordo na mesa de diálogo bilateral entre España e Catalunya, que pactou en xullo avanzar na desxudicialización do que considera un conflito político.

Aragonès asegurou nunha declaración institucional que “coa derrogación da sedición é máis difícil perseguir inxusta e arbitrariamente o independentismo”, salientando que o Tribunal Supremo español xa determinou que os supostos delitos das e dos presos políticos cataláns non son asimilábeis aos de desordes públicos, así como que hai que continuar avanzando até conseguir “os efectos dunha amnistía”.

Porén, Junts e maila CUP amosáronse onte moi críticos coa proposta do Executivo español. Jordi Turull, secretario xeral de Junts, cuestionou que o cambio legal é “un vestido feito á medida” para perseguir de forma penal o independentismo por feitos como os de 2017. Mentres, Carles Riera, deputado da CUP no Parlament, cualificouna de “xogos malabares”.

O PP carga contra Sánchez

O presidente do Partido Popular (PP), Alberto Núñez Feixoo, acusou o PSOE de ceder á "chantaxe" independentista para manter a maioría parlamentar, a costa de perder "un instrumento esencial para protexer a integridade" do Estado, prometendo recuperalo se chega ao Goberno.

Revisión de penas dos presos políticos

O Tribunal Supremo español condenou en 2019 nove líderes independentistas de Catalunya a entre 9 e 13 anos de prisión e inhabilitación polo delito de sedición. Aínda que en xuño de 2021 o Goberno estatal aprobou un indulto que extinguía as penas de prisión, isto non afectou a inhabilitación para ocupar cargos públicos, que, no caso do ex vicepresident de Catalunya Oriol Junqueras estendíase até 2031 ao recibir a sentenza máis dura.

Fontes xurídicas citadas por Europa Press explican que, no momento no que esta proposta sexa aprobada e publicada no BOE, o tribunal que xulgou o caso ten que convocar unha reunión de oficio e revisar o veredicto para determinar en que novo delito se encadran as acusacións de sedición, o que podería provocar unha diminución do tempo 
de inhabilitación.

A pesar diso, catro dos presos políticos: Junqueras, Turull, Raül Romeva e Dolors Bassa, tamén foron condenados por malversación para cometer sedición, o que permitiría así aos maxistrados manter a duración das penas de inhabilitación.

No que atinxe á actuación xudicial durante o proceso de autodeterminación, Aragonès advertiu que “sabemos como é a cúpula xudicial española, atada a posicións conservadoras e nacionalistas españolas, polo que a lectura das leis non é neutral”.

A Proposición de lei orgánica está previsto que sexa aprobada antes de final de ano ou a comezos de 2023, e xa contaría con maioría absoluta no Congreso tras as declaracións favorábeis das forzas soberanistas que apoiaron a investidura de Sánchez.

Comentarios