O BNG reivindica un tren de proximidade "do século XXI"

O Bloque Nacionalista Galego denunciou esta segunda feira "un abandono" do tren na Galiza que afecta á mobilidade, á economía e ao día a día da cidadanía, nomeadamente á que vive fóra do Eixo Atlántico. A formación nacionalista responsabiliza o Estado e a "inacción" da Xunta desta situación, e propoñen varias medidas para revertela: investimentos, recuperación de frecuencias e asunción de competencias.
Néstor Rego e A
photo_camera Néstor Rego e Ana Pontón, esta segunda feira, na súa "viaxe reivindicativa en tren (Foto: Nós Diario).

Unha nutrida representación do BNG, coa súa portavoz nacional, Ana Pontón, á fronte, subiu a primeira hora desta segunda feira ao tren que cubre a liña entre Ferrol e A Coruña. Unha "viaxe reivindicativa", como indicaron os propios nacionalistas, para demandar un tren de proximidade "do século XXI que comunique as vilas e cidades da Galiza con horarios, duración de traxectos e prezos competitivos e adaptados ás necesidades de traballo, de xestións, de estudo ou de lecer da cidadanía".

Pontón, que estivo acompañada do deputado no Congreso Néstor Rego, alcaldes e alcaldesas e responsábeis municipais e comarcais do Bloque, manifestou que para as persoas usuarias desta liña "é case misión imposíbel usar este medio de transporte habitualmente pola falta de horarios, duración dos traxectos e mesmo o prezo dos billetes”.

O BNG incidiu en que a imposibilidade de usar o tren como medio habitual para viaxar de Ferrol-A Coruña, e viceversa, non é un caso illado, apuntando que fóra do Eixo Atlántico a opción do ferrocarril para desprazarse pola Galiza  "non é funcional debido á falta de investimentos e o progresivo desmantelamento", situación da que responsabiliza o Estado e a "inacción" da Xunta de Núñez Feixoo.

Ao contrario que en Europa

“Este abandono do tren na Galiza ocorre mentres nos países europeos da contorna é o transporte do presente e do futuro porque reduce emisións, é máis barato e máis sostíbel”, denunciou Pontón. A portavoz expuxo as propostas nacionalistas para reverter esta situación. 

Así, no plano inmediato situou dúas medidas: recuperar todas as frecuencias suprimidas durante a Covid e recuperar o tren Avant das 6:30 horas da Coruña a Ourense.

No medio prazo, propón un "plan de compensación" para o sistema ferroviario que permita actualizar e modernizar todas as vías en servizo, con horarios, maquinaria e prezos competitivos. Igualmente, transferir á Galiza as competencias en materia de ferrocarril interior, "como xa teñen Euskadi, Catalunya, Valencia ou Andalucía". 

O propio Parlamento galego aprobou por unanimidade esta transferencia, "mais Feixoo non moveu un dedo para conseguila en 12 anos", explicou. 

Finalmente, para a xestión dun ferrocarril de proximidade propuxo a creación dun ente ferroviario propio, o 'Galtren'.

Lugo tamén "circulou" 

O pasado mes de decembro, e coincidindo coa "viaxe inaugural" do AVE á Galiza, unha delegación de representantes e cargos BNG de Lugo viaxou en tren desde esta cidade até A Coruña para demandar melloras na rede de proximidade para "unha vertebración" que realmente permita "viaxar" en condicións acaidas entre "as cidades galegas".

Comentarios