Mar

O BNG reclama un "fondo extraordinario" para o sector marisqueiro ante a "elevada mortaldade" nas rías

Pontón denuncia en Rianxo que Goberno do PP reduce en 37% a partida destinada ao mantemento dos bancos marisqueiros nos Orzamentos de 2024.
PONTÓN - SECTOR MARISQUEIRO_RIANXO_3
photo_camera Pontón reuniuse en Rianxo co sector marisqueiro. (Foto: Nós Diario)

Un fondo extraordinario de axudas ao sector marisqueiro ante a gran mortaldade de bivalvos nas rías galegas; e a creación dun comité de crise para analizar “o problema de fondo” da perda de produtividade. Estas son dúas das propostas que a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou esta quinta feira en Rianxo (comarca do Barbanza) ao sector marisqueiro.

O fondo extraordinario serviría para compensar a caída nos ingresos das mariscadoras afectadas “pola mortaldade masiva nas rías galegas”, e que, segundo recalcou Pontón, non é “un problema puntual”, senón un problema “estrutural de perda de produtividade continuada”.

A líder da oposición cargou contra o Executivo galego por “non estar á altura” e limitarse a pór escusas “como que na Galiza chove, cando na Galiza leva chovendo moito durante toda a súa historia”, sen enfrontar o problema de fondo de perda de recursos no mar.

“Necesitamos un Goberno que dea solucións e non un Goberno que bote balóns fóra”, afirmou na rianxeira praia da Torre, onde, acompañada da portavoz parlamentaria de Pesca, Rosana Pérez, e do patrón maior da Confraría, Miguel Iglesias, comprobou de primeira man coas mariscadoras o “mazazo tremendo” da mortaldade de bivalvos. Así, urxiu a Xunta, que ten as competencias exclusivas na materia, a asumir a súa responsabilidade e dispor solucións a curto prazo, xa que a declaración de zona catastrófica “pode ser unha medida, mais sabemos que é a longo prazo” e non dá resposta á urxencia que require a situación.

De igual modo, defendeu a creación dun comité de crise —integrado por Xunta, sector, universidades e centros de investigación— para entrar no “problema de fondo”, a perda de produtividade nas rías.

Protocolo e estudo científico

Pontón tamén reclamou a posta en marcha dun protocolo para o baleirado dos encoros co fin de evitar que desauguen en baixa mar sen ter en conta o dano que pode sufrir o marisqueo, provocando “a morte de todo o traballo de meses”.Por último, e ao igual que reclama o sector, avogou por un estudo científico para estudar “en serio” o problema de contaminación que sofren as rías e abordar dunha vez por todas a súa rexeneración

Comentarios