sábado 31/10/20

BNG reclama ao goberno central que non suba os billetes de tren de media distancia

Renfe pretende subir nun 3% os billetes de media distancia, un incremento que se engade ao realizado en setembro. O BNG mostrou a súa preocupación por esta suba, para alén de rexeitar a intención de suprimir aqueles comboios que non sexan rentábeis
Estación de Compostela
Estación de Compostela

A deputada do BNG no Congreso, Rosana Pérez, rexistrou unha iniciativa parlamentar na que demanda ao  Ministerio de Fomento que non suba os billetes de trens de media distancia e cercanías en xaneiro de 2013. Pérez alude á decisión de Renfe de aumentar nun 3% os billetes de trens de cercanías e de media distancia ou rexionais. Un aumento que se aplicará a partir de xaneiro de 2013. “Uns incrementos que se suman á suba do IVE que se aplicou en setembro, co cal, os billetes de trens están encarecendo de maneira significativa”.

A deputada do BNG lembra que está pendente que o Consello de Ministros aprobe a reorganización dos servizos ferroviarios de media distancia. “Preocupa seriamente a intención do Goberno de eliminar da obriga de servizo público aos trens que so sexan eficientes desde o plano económico”.

Para Rosana Pérez “isto supón a porta de entrada para o desmantelamento de servizos ferroviarios que en Comunidades como Galiza se deberían potenciar e impulsar ao carecer dunha rede de cercanías. Ademáis, resulta máis que discutíbel o criterio da eficiencia económica cando se ofrecen servizos obsoletos, con tempos de viaxe nada competitivos e que fan fuxir aos potenciais usuarios”.

comentarios