BNG e PSdeG enfrontan o relato do 'Bo Xestor' na primeira sesión de control ao presidente do ano

A primeira sesión de control ao presidente de 2022 veu con estrea de portavoz parlamentar do PSdeG incluída, Luis Álvarez remudando Gonzalo Caballero; e con BNG e PSdeG poñendo en cuestión ,en 2 temas de actualidade, o relato do PP de 'Feixoo bo xestor': Atención Primaria e a execución de fondos pola Xunta.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xunto co vicepresidente, Alfonso Rueda, no Parlamento galego (Foto: Arxina)
photo_camera O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, xunto co vicepresidente, Alfonso Rueda, no Parlamento galego, nunha foto de arquivo (Foto: Arxina)

A situación de "colapso" da Atención Primaria (AP)  e os ataques da Xunta á repartición dos fondos europeos foron os dous temas cos que, respectivamente, BNG e PSdeG inauguraron a sesión de control ao presidente de 2022. Dous temas aos que o Goberno Galego está a destinar tempo e esforzo para tecer o que agora se chama un relato. Así, a situación de saturacións, dificultades e esgotamento da AP deriva única e exclusivamente da conxuntura da Covid e, no que atinxe ao outro tema levado a esta sesión parlamentar, o Goberno español "castiga" Galiza e só a Xunta de Alberte Núñez Feixoo é quen de defender o país.

O presidente dedicouse nas súas quendas de réplica a asentar o relato.  Réplicas adobadas con críticas aos portavoces da oposición. A Luis Álvarez situouno como un simple "seguidista" do que diga o Goberno español e a Ana Pontón reprochoulle que "leva vostede 18 anos de deputada", dixo, "e coa mesma pancarta e o mesmo discurso". 

Núñez Feixoo: "Cun PSdeG que renuncia a defender a Galiza e o BNG seguidista, Xunta e PP son máis necesarios ca nunca"

Gostou Feixoo desa liña, na que teimou e durante a sesión: "Eu viña por aquí [Parlamento] nos 90 como alto carto de Sanidade e xa dicían o mesmo que agora".  Feixoo criticando os anos de Pontón de deputada e presumindo de ser alto cargo hai 30.

E que é o mesmo antes que agora? Ana Pontón reiterouno: "vostedes teñen unha ruta ideolóxica, que é a de privatizar" a sanidade.

"Experimentar co privado"

A portavoz do BNG tirou de hemeroteca e leu o que Núñez Feixoo dicía en 2012: "En todo o que non sexa núcleo duro da Sanidade pode experimentarse coa xestión privada". "E vaia se experimentaron!!", remachou a nacionalista.

Luis Álvarez: "Vostedes na Xunta si que fan un reparto discrecional dos fondos, en función da cor política dos concellos"

Ana Pontón sinalou que antes de iniciar a sesión procurara en google "deterioro da sanidade na Galiza" e en menos dun segundo o buscador localizou 1.070.000 novas relacionadas. Na réplica Feixoo apostou por se centrar no dedo e non na lúa e cargou contra o BNG por usar en google 'Galiza' e non 'Galicia', "que é o nome de Galicia".

A portavoz do Bloque denunciou a "saturación" e "colapso" da AP, responsabilizando Núñez Feixoo (O Privatizador, alcumouno)  "de poñer en risco a saúde dos galegos e galegas" cos recortes en sanidade.

Ana Pontón: "As súas políticas poñen en risco a sanidade, é Feixoo 'O Privatizador', un risco para a saúde de galegos e galegas"

Incidiu a nacionalista en que faltan recursos ("destínase a Atención Primaria 12% do orzamento cando os especialistas din que ten que ser o duplo") e persoal ("os propios profesionais denuncian situacións como esta: unha enfermeira de Ourense asinou 34 contratos en 60 días"). Convidou o presidente a que "vaia no seu novo coche oficial a dicirlle aos doentes que os datos sanitarios son mellores ca nunca". Feixoo recoñeceu "problemas" na AP mais achacounos á pandemia e insistiu en que a falta de médicos é responsabilidade do Goberno español ("os seus socios", díxolle a Pontón, noutro clásico do seu argumentario contra o BNG).  Anunciou que ía convocar unha oferta de emprego de 106 prazas para especialistas e dixo que era "soez" dicir que o problema da sanidade galega é a "privatización".

Quen executa os fondos?

Luis Álvarez estreouse cunha crítica, unha denuncia e unha dúbida. Así, criticou que Feixoo ataque a repartición dos fondos europeos ("Galiza recibe 671 millóns, a 6ª autonomía que máis leva e desas 6, 4 son do PP"), denunciou que a Xunta ten sen executar 50% dos fondos para emprego ao tempo que fai "distribución discrecional" segundo a cor política dos concellos en axudas como Augas da Galiza.

E o novo portavoz socialista deixou unha dúbida pendendo sobre Feixoo: co "historial" que a Xunta do PP ten  ("escasa execución de fondos" e "repartición discrecional"), serían quen de xestionar "con transparencia" os fondos da UE?

Comentarios