domingo 07.06.2020

O BNG propón unha “gratificación extraordinaria” para o persoal da sanidade

“Non só merecen o aplauso que reciben da cidadanía todos os días desde as fiestras e balcóns. É necesario un recoñecemento por parte da Administración”. Así se pronunciaba na mañá desta sexta feira a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, que propuxo unha “gratificación extra” para todo o persoal sanitario.

Ana Pontón, nunha videoconferencia a pasada semana.
Ana Pontón, nunha videoconferencia a pasada semana.

O “grande esforzo” e o “risco de contaxio” que pesa sobre as traballadoras e traballadores da sanidade merece unha “gratificación extraordinaria”. Así o considera o BNG, que na mañá da sexta feira, por boca da súa portavoz nacional, Ana Pontón, instou a Xunta a aprobar a medida.

Ademais, o BNG exixiulle ao Sergas "garantías de protección" para todo o persoal sanitario fronte á COVID-19 e pór punto final "á precariedade" no sistema de contratación. "O mellor aplauso a todos e todas as traballadoras da sanidade pública sen recortes nin privatizacións", exemplificou Pontón.

Pontón valorizou que todas as traballadoras e traballadores da sanidade están a dar “o mellor de si" a pesar das circunstancias nas que desenvolven o seu traballo.

"Segue sendo motivo de preocupación que a día de hoxe continúen sen o material de protección suficiente e adecuado contra o risco de contaxio", sinalou nun comunicado remitido aos medios de comunicación, en que tamén lamentou a falta de axilidade na realización de probas e os “fallos” dos protocolos. A este respecto, denunciou que hai centros nos que se "mestura no mesmo cuarto a pacientes sans con pacientes contaxiados de coronavirus".

Pontón fíxose eco da denuncia da CIG-Saúde, que informou de que o Sergas "despediu a persoal temporal que contraese o coronavirus", e manifestou que “aínda que a Xunta rectificou, o simple feito de que isto pasase é dunha enorme gravidade e deixa ao descuberto unha política laboral que non podemos compartir baixo ningunha circunstancia".

Ao seu entender, a situación "merece unha explicación". De aí que emprazase o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, a comparecer no Parlamento galego e a restituír “os dereitos de todas e cada unha das persoas que foron despedidas".

comentarios