Bota a andar no Parlamento a comisión para a reactivación

A comisión para a reactivación económica, social e cultural bota a andar co obxectivo de pór os alicerces da Galiza do futuro e que o país saia ben parado no reparto de fondos europeos. 
Comisión de reactivación no Parlamento (Foto: Arxina)
photo_camera Ana Pontón, Gonzalo Caballero e Pedro Puy, xunto a outros compoñentes da comisión de reactivación no Parlamento (Foto: Arxina)

A comisión para a reactivación económica, social e cultural ficou constituída esta quinta feira, 8 de outubro, no Parlamento galego cos tres grupos da Cámara (PP, BNG e PSdeG), que expresaron a súa vontade de alcanzar conclusións útiles para o futuro do país e para a captación de fondos procedentes da Unión Europea.
Nese sentido, as tres forzas xa comezaron a negociar un plan de traballo para definir os tempos e as competencias da comisión, baixo o criterio de que esta sexa áxil e conclúa nun paquete de medidas a finais de 2020 ou, como moi tarde, a comezos do ano que vén. 

Na comisión estarán as portavocías dos grupos: Pedro Puy (PP), Ana Pontón (BNG) e Gonzalo Caballero (PSdeG). Con todo, Puy non desvelou se o presidente da Xunta participará e limitouse a considerar que algún membro do Executivo si acudirá.

Puy resaltou a vontade de consenso e de "escoitar as forzas políticas, sociais, empresas, sindicatos" e os axentes que poidan achegar a súa visión para que a crise se aproveite para pór os alicerces do futuro. 

A oposición pide diálogo

Ana Pontón considerou preciso que “se practique o diálogo e que a comisión funcione sen vetos nin maiorías absolutistas”. A nacionalista chamou a "camiñar cara a un novo modelo económico e social que aposte pola economía verde, a innovación, a ciencia" e polo mantemento da industria. Tamén fixo fincapé na necesidade de fortalecer os servizos públicos e a atención sociosanitaria.

Sobre o reparto dos fondos europeos que recibirá o Estado, Pontón apelou a “non permitir que Madrid quede coa maior parte do pastel e que á Galiza lle queden as migallas". 

Destacou, finalmente, que é importante que a parte deses fondos que lle correspondan a Galiza deberan ser xestionados desde o noso país “porque sabemos que se non se fai unha fronte común desde este ámbito acabarase repetindo a mesma historia destes últimos anos onde vimos como o centralismo madrileño acaba absorbendo recursos e inversións e a Galiza o que lle queda é a peor parte da tarta”.

Gonzalo Caballero apostou por "converter esta lexislatura na da protección das persoas" e expresou a vontade de acordo da súa formación, baixo a petición de "despregar todas as competencias" autonómicas para  "atenuar" os efectos da crise. 

Comentarios