Parlamento: a comisión de reactivación apura os prazos para ser máis útil

A entrega de documentación e as comparecencias na comisión de reactivación realizaranse antes de rematar xaneiro de 2021, prazo que o BNG estipulaba para toda a comisión. Porén, as conclusións poderán chegar máis tarde xa que o PP defendeu non "autoimporse a obriga" de que todo estea rematado en tres meses, O PSdeG avogaba por estender os traballas durante un semestre. 
A comisión de reactivación constituíuse a comezos de outubro (Foto: Parlamento da Galiza)
photo_camera A comisión de reactivación constituíuse a comezos de outubro (Foto: Parlamento da Galiza)

Segundo acordaron esta segunda feira, 19 de outubro, os tres grupos con representación no Parlamento -PP, BNG e PSdeG- a comisión para a reactivación económica, social e cultural pola crise do coronavirus finalizará o desenvolvemento do seu plan de traballo nun prazo de tres meses. Así, a entrega de documentación e as comparecencias realizaranse até, como máximo, xaneiro de 2021, tal e como pedía o BNG para toda a comisión, mais isto non significa que as conclusións estean rematadas nese tempo.

E é que o PP aceptou en parte marcar un prazo, pero apostou por non "autoimporse a obriga" de que todo estea rematado neses meses, porque a propia evolución da pandemia podería obrigar a atrasar as conclusións.

Nunha rolda de prensa posterior, o portavoz parlamentario do PP, Pedro Puy, destacou que se trata do segundo acordo "unánime" ao que chegan os deputados nesta lexislatura, tras a reforma do regulamento da institución.

Para a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, a comisión "ten que facer un traballo intenso, eficaz e rápido a favor do país, que achegue solucións". A líder da oposición sinalou que iso mesmo é o que "reclaman os milleiros de persoas que non saben se van seguir co seu negocio nin  canto tempo estarán nun ERTE  e quen perdeu o seu emprego. 

Entre as cuestións que o Bloque pide abordar na comisión está a avaliación dos proxectos anunciados pola Xunta con cargo aos fondos europeos de reactivación para determinar se son os que precisa o país. “Preocúpanos que este fondo acabe beneficiando as multinacionais, o IBEX 35 e ignorando a pequena e mediana empresa do país”, advertiu. 

O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, afirmou que a vontade do seu partido na comisión é "construír" e chamou a atención sobre o feito de que "o PP e o BNG teñan présa por pór fin ao tempo da comisión. Cremos que un horizonte temporal breve, con intensidade de seis meses, daba máis garantías para traballar en algo tan complexo como a reactivación".

Intervención de Alcoa

O pleno do Parlamento galego que comeza esta terza feira, 20 de outubro, terá que debater unha iniciativa do BNG que reclama a intervención pública de Alcoa e impulsar así unha solución á crítica situación que vive a fábrica de San Cibrao (Cervo). O Bloque xa conseguiu que o Congreso aprobase instar o Goberno español a intervir Alcoa. 

Comentarios