Sanidade pública

O BNG pide manter e mellorar a unidade psiquiatría-infanto-xuvenil do HULA, "referencia para case 40.000 menores"

A pesar desta grande poboación, Olalla Rodil lembra que a unidade conta cun cadro de persoal composto unicamente por "dúas psiquiatras, dúas psicólogas, dúas enfermeiras, unha terapeuta ocupacional e unha traballadora social".
Olalla Rodil, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Olalla Rodil, esta segunda feira. (Foto: Nós Diario)
A candidata do BNG por Lugo, Olalla Rodil defendeu esta segunda feira a necesidade de manter e mellorar os medios destinados á unidade de psiquiatría infanto-xuvenil do HULA e garantir a  correcta atención á saúde mental da poboación máis nova de Lugo. A proposta do Bloque inclue deseñar circuítos de entrada e de saída do hospital de día, para garantir a comunicación entre profesionais dos diferentes niveis asistenciais e o correcto acompañamento e seguimento posterior das pacientes fóra da unidade. Aliás, propón elaborar un plan para a adecuación do espazo e mellora das infraestruturas desta unidade.

Rodil incidiu na necesidade de "aumentar a dotación de recursos humanos e materiais que permitan ter o maior número de camas posible para a unidade e estabelecer un plan global para dotar a todas as áreas sanitarias da Galiza de unidades de hospitalización psiquiátrica infanto-xuvenil". Desde o BNG, explicou a nacionalista, "levamos moito tempo traballando para esixir melloras na atención á saúde mental da poboación". "Melloras urxentes que tropezan continuamente co veto do Partido Popular", dixo. Neste sentido, criticou que o PP "careza de planificación, orzamento e medidas de prevención na saúde mental da poboación".

Suicidio de 331 persoas en 2021

Os datos  publicados polo IMELGA no ano 2021, salientou a nacionalista, recollen o suicidio de 331 persoas, das que 23 eran menores de 30 anos e 9, menores de 20. "Se nos centramos en Lugo, a provincia presenta o maior número de suicidios en termos porcentuais, cunha cifra de 16 suicidios por cada 100.000 habitantes, por riba do 12,28 % que presenta Galiza, e por riba da taxa estatal que se sitúa en 7,79%, e por riba da europea, con 11,93%", alertou.

O suicidio na mocidade é a  primeira de causa de morte non natural no noso país e investigacións recentes da OMS indican que é tamén a cuarta causa principal de morte entre a mocidade de 15 a 19 anos. Por outra parte, Segundo datos publicados pola propia OMS, "unha de cada sete mozas padece algunha doenza de saúde mental", dixo Rodil, e o Foro Europeo da Mocidade constatou que, tras a pandemia, "case dous de cada tres mozos e mozas poden verse afectadas por problemas de saúde mental" relacionados coa contorna socioeconómica da mocidade.

Na actualidade, engadiu a deputada do BNG e candidata por Lugo, "detectamos un preocupante incremento nos trastornos aditivos, tanto adiccións con substancia como unha importante adicción ao xogo", ao que sumou "trastornos na conduta alimentaria".

Unidade de psiquiatría do HULA, referencia para 40.000 menores

A unidade de psiquiatría infanto-xuvenil do HULA é a referencia para as case 40.000 menores que viven na provincia de Lugo, reiterou a candidata do BNG, unha unidade "cun cadro de persoal extremadamente reducido". A pesar desta grande poboación, lembrou que a unidade conta cun cadro de persoal composto unicamente por "dúas psiquiatras, dúas psicólogas, dúas enfermeiras, unha terapeuta ocupacional e unha traballadora social".

Ademais "da escaseza de persoal", salientou  o "desleixo organizativo" e explicou que non existe  ningunha canle para derivar pacientes a este hospital de día. "Se unha pediatra dun centro de saúde, ou unha médica de familia detecta  unha paciente que se beneficiaría do seguimento nesta unidade, neste hospital de día, ten que buscarse a vida, e intentar contactar como poida coa psiquiatra, coa psicóloga ou coa enfermeira para expoñerlle o caso", censurou.

Comentarios