O BNG pide ante a Comisión Europea que a Xunta garanta o pagamento de axudas á produción ecolóxica galega

"É insultante a desidia do PP cara aos nosos sectores produtivos", dixo Ana Miranda, eurodeputada do Bloque.
A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, na Eurocámara. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A eurodeputada do BNG, Ana Miranda, na Eurocámara. (Foto: Nós Diario)

A través dunha pregunta parlamentaria, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, instou a Comisión Europea a certificar que a Xunta da Galiza garanta o pagamento das axudas á produción ecolóxica e cumpra os criterios marcados por Europa para conseguir 25% deste tipo de produción no ano 2030, tal e como reclama a Asociación de Produtores e Produtoras de Ecolóxico da Galiza.

No ano 2022, dixo Miranda, o Goberno galego só asignou 3,18 millóns de euros en axudas, fronte aos necesarios 5,6 millóns de euros para cubrir todas as solicitudes presentadas, o que significa "falta de asistencia para o 43% das hectáreas solicitadas".

"Tendo na Galiza só 5% de terras agrícolas destinadas á produción ecolóxica, como é posíbel que o Goberno galego non dea resposta á demanda de transicións a este tipo de produción?", pregúntase Ana Miranda.

"Decisión unilateral"

A eurodeputada do Bloque denuncia a "decisión unilateral" do Goberno galego de "non pagar as axudas comprometidas ao sector no ano 2022".

"É insultante a desidia do PP cara aos nosos sectores produtivos", dixo Miranda, quen, ao tempo, subliñou que "Bruxelas sabe deste problema grazas ao Bloque, e será o Bloque con Ana Pontón de presidenta quen solucione este problema".

Comentarios