Rego centrará as súas demandas de cara aos orzamentos xerais na implantación dun servizo de tren de proximidade

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, reiterou esta sexta feira que a súa formación "focalizará" as súas demandas de investimento nos Orzamentos Xerais do Estado para 2022 na implantación do servizo ferroviario de proximidade e na modernización dos camiños de ferro na Galiza.

Carmela González, Xabier Pérez Igrexas e Néstor Rego, na reunión (Imaxe: Nós Diario).
photo_camera Carmela González, Xabier Pérez Igrexas e Néstor Rego, na reunión (Imaxe: Nós Diario).

Así o trasladou despois de manter unha reunión con membros dos comités de Renfe e Adif, que decorreu na estación de Guixar, en Vigo, e na que tamén participaron a deputada nacionalista no Parlamento galego Carmela González e o concelleiro do BNG no Concello olívico, Xabier Pérez Igrexas.

Rego subliñou que, tras escoitar os representantes dos traballadores, constátase o "abandono" do servizo e as infraestruturas ferroviarias na Galiza, que acumula "un atraso considerábel" na modernización da súa rede interna en comparación con outros territorios.

Ademais, lembrou, a Galiza non conta cunha rede de proximidade, "algo difícil de explicar" para un Goberno español que presume de multiplicar a partida para modernizar este servizo. "Nin un só euro vén para a Galiza, porque aquí non temos proximidades", sinalou.

Por iso, incidiu en que, para os investimentos territorializados que se recollan nos orzamentos, a actuación do BNG vai focalizarse en lograr fondos para a modernización da rede ferroviaria interna e a implantación das proximidades, todo iso coa "perspectiva" de que se transfira á Xunta da Galiza esa rede de transporte.

No caso de Vigo, Néstor Rego subliñou que "é fundamental" que se acometa a 'saída sur' e que se finalice o Eixo Atlántico de alta velocidade, á vez que apostou en que a terminal de Guixar sexa unha estación especializada nas conexións de proximidade.

Aumento de frecuencias

Por outra banda, reiterou a súa demanda de que se aumenten os servizos e apuntou que, "co pretexto da pandemia", suprimíronse frecuencias e conexións que aínda non se recuperaron, o que provoca que, nalgúns casos, os trens (especialmente na liña entre Vigo e Santiago) vaian "colapsados".

"Hai que ser consecuentes, estamos de acordo en que hai que avanzar na transición ecolóxica e que iso, no ámbito da mobilidade, é apostar polo ferrocarril. Pero para poder apostar hai que ter as infraestruturas adecuadas e servizos suficientes", proclamou.

Pola súa banda, o concelleiro do BNG no Concello de Vigo, Xabier Pérez Igrexas, lamentou o "abandono" dos diferentes Gobernos estatais no que respecta ao servizo ferroviario da cidade e a súa área.

A ese respecto, referiuse á inauguración, na quinta feira, do Centro Comercial Vialia-Estación de Vigo, un acto "con gran propaganda" no que o alcalde, Abel Caballero, comparou ese complexo coa estación de Atocha ou con algunhas estacións de Londres.

"Pero Vigo necesita unha estación con servizos ferroviarios, e o que se inaugurou foi un gran centro comercial, mentres seguimos con poucas frecuencias e poucos servizos (...), non entendo o motivo de celebración", apostilou.

O edil nacionalista engadiu que "o que nos gustaría celebrar" é "un compromiso real coa saída sur, que se mellore a rede de media distancia e a posta en marcha dun servizo de proximidade para conectar Vigo e a súa área".

Comentarios