O BNG avoga polo feminismo "de proximidade" desde o municipalismo

A deputada Noa Presas defende "outra forma de facer política", integrando a "perspectiva de xénero" e apostando en pór "lentes lilas", porque "os concellos feministas non benefician só as mulleres, senón o conxunto da sociedade".
Presentación das propostas do BNG de cara ao 8 de marzo, esta segunda feira, en Moaña (Foto: Nós Diario).
photo_camera Presentación das propostas do BNG de cara ao 8 de marzo, esta segunda feira, en Moaña (Foto: Nós Diario).

Un feminismo "de quilómetro cero, próximo, participativo e pegado á realidade para transformala e para que as políticas públicas sexan garantes de avance en igualdade". Esa é a aposta do BNG de cara a este 8 de marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras.

A coordinadora de Acción Feminista do Bloque, Noa Presas, presentou esta segunda feira en Moaña as propostas da organización en materia de igualdade, nun acto no que tamén participaron a alcaldesa deste municipio, Leticia Santos, e a coordinadora da Executiva Nacional do BNG, Goretti Sanmartín.

Presas defendeu "outra forma de facer política", integrando a "perspectiva de xénero" e apostando en pór "lentes lilas" porque "os concellos feministas non benefician só as mulleres, senón o conxunto da sociedade".

Neste senso, criticou os "modelos urbanos masculinos impostos por gobernos que deixaron á marxe ás mulleres" e tomou como referencia o traballo da arquitecta brasileira Carina Guedes para "trasladar a cidades, vilas e aldeas un feminismo de quilómetro cero, próximo, que defende a sustentabilidade da vida e os espazos para camiñar con seguridade e comodidade".

O feminismo "de proximidade", dixo, susténtase sobre catro eixos: incrementar a participación política das mulleres, potenciar que as mulleres participen de maneira activa nas decisións e na vida pública da cidade, traballar na visibilización das mulleres e formular o espazo urbano desde o feminismo.

"O deseño de espazos seguros, pensados para a vida, para a mellor calidade das persoas que a habitan, espazos para camiñar, para gozar de espazos verdes e saudábeis e que respondan ás necesidades dos coidados, das crianzas e das persoas maiores, que habitualmente recaeron nas mulleres e que un urbanismo deseñado por homes que viaxan en coche esqueceu", explicou Presas.

Pola súa parte, Goretti Sanmartín puxo en valor o traballo desenvolvido polas mulleres do Bloque de distintas xeracións, ao tempo que avogou por "abrir as portas dos concellos ao feminismo para desenvolver "políticas verdadeiramente transformadoras".

Aliás, Leticia Santos apuntou que as políticas municipais feministas deben ser "transversais", porque "para que sexan efectivas, esta visión debe impregnar todas as áreas de goberno".

Comentarios