ENTREVISTAS ELEITORAIS/ANA PONTÓN

"O BNG dispútalle ao PP os escanos que serán a chave da derrota de Feijóo"

Ana Pontón (Sarria, 1977) afronta o seu primeiro asalto á presidencia da Xunta. Fixo historia no mesmo momento en que asumiu o desafío de liderar a candidatura do Bloque ao se tornar na primeira muller que aspira a dirixir o executivo do país. Gañadora do debate da TVG, está a ser grande revelación da campaña. "O BNG está remontando", afirma.

Ana Pontón. 18 de xullo de 2016
photo_camera Ana Pontón

-Como se ve a campaña desde dentro dela?

-Eu vexo unha campaña que claramente está a representar unha recuperación [para o BNG] e con moito entusiasmo e ilusión, tanto por parte da xente que está colaborando como por parte de moitas persoas anónimas que se foron sumando a ela e que continúan a se sumar a nós nestes momentos.

-Podemos dicer que na campaña do BNG hai un antes e un despois do debate do 12S?

-Pois eu creo que si. O debate foi un revulsivo porque se viu realmente que temos unha alternativa sólida para este país, con principios, con convicción. Foi unha inxección de moito ánimo, non só para a militancia, senón para moitas persoas que puideron escoitar directamente as nosas propostas e que de repente se viron sorprendidas, para ben, polo que estabamos dicindo e tamén por como o estabamos dicindo.

-Ficache sorprendida ao comprobares que Feijóo, após ti faceres unha alusión directa a Marcial Dorado, optaba polo silencio por toda resposta?

-Non me sorprendeu. Feijóo sempre quer escapulirse desa imaxe [refírese á fotografía no iate]. Esa imaxe que no fondo é a súa imaxe, porque son as súas amizades.

-Cal cres que é o flanco máis vulnerábel do PP?

-Feijóo só ten un argumento. Como non ten xestión que oferecer, o que quere é facer unha política do medo, pero tamén creo que ese argumento se lle está a caír polo seu propio peso porque nos terá que explicar por que defende un tripartito para o Estado español e, porén, o criminaliza para a Galiza.

-Nos últimos días está a rular polas redes a expresión "Efecto Pontón". Que che pasa pola cabeza cando a ves?

-[ri] Vaia pergunta! A ver, pois a verdade é que me causou moita sorpresa que de repente houbese un hashtag que utilizan tantas persoas porque ven que hai unha nova forma de facer no BNG, que recolle os criterios e os principios da organización, e que marca tamén unha etapa distinta, non?, e creo que aí se reflicte o efecto dese debate en que miles de persoas tiveron a oportunidade de ver sen filtros as propostas do BNG, un debate que deixou un certo impacto.

29808062225_a38ea36996_o-Estades a falar tamén de remontada. En que a notas?

-Pois nótoa na ilusión que estamos creando ao noso arredor, na xente que se achega aos nosos actos, nas persoas que me paran pola rúa para facilitarme pola campaña que estamos a facer, e eu agardo que ese efecto sexa a clave para que a partir do 25 de setembro podamos poñer en marcha o cambio que defendemos desde o BNG e, sobre todo, tendo en conta un dado que é moi importante e é que neste momento quen lle está disputando escanos ao PP, os escanos que poden facerlle perder a maioría ao PP, é o Bloque. Ese é un dado que creo importante á hora de pensar antes de ir votar.

-Durante a campaña tiveche un ollo posto nas enquisas?

-Ningún ollo posto nas enquisas. A min a enquisa que me vale é a do 25S. Penso que as enquisas están devaluadas. Durante os últimos anos vimos como non acertaron nada. Fíxate, un día dábannos 5 ou 6, outro día que non tiñamos case representación, mesmo había dados moi sorprendentes, chamoume moitísimo a atención que eu tivese un coñecimento un día do 50% e, tres días despois do debate, do 35%. A verdade é que non me parece moi serio.

-Non che afectaron nada o estado de ánimo?

-Para nada, a min o que me afecta o estado de ánimo é ver o que pasa na rúa, o que pasa coa xente, e vexo que hai moitas persoas que teñen moi claro que van apoiar un proxecto como o do BNG e esa é a única cuestión relevante para min. Eu defendo un proxecto no que acredito, que creo que é bon para o país, e con toda ilusión, con todo realismo.

"As persoas xa están moi cansas de que se vexa que ao final só hai un cambio de caras, nós realmente estamos plantexando que ten que haber cambios estruturais e de fondo"

-Que obxectivo realista se marca o BNG?

-Non gosto de marcar obxectivos en número de votos ou escanos. Non lle vexo sentido. O obxectivo que nos marcamos é que se nos escoite, que se nos vexa, e que o 25S teñamos o mellor resultado posíbel, entre outras cousas porque neste momento a posibilidade de que se abra un cambio real na Galiza pasa polo BNG. Tanto porque lle estamos disputando escanos ao PP, que serán chaves na súa derrota, como por que representamos un cambio real para este país. As persoas xa están moi cansas de que se vexa que ao final só hai un cambio de caras, nós realmente estamos plantexando que ten que haber cambios estruturais e de fondo, nun momento crítico para o país no que claramente non vale facer máis do mesmo nen considerar que cun pouquiño de xestión se van solucionar todos os problemas que hai no país. Non, non, hai que arriscar e hai que dar un paso importante cara adiante.

-Na campaña hai como dous polos, o recentralizador que representa o PP e o nacionalista e soberanista que simboliza o BNG. No meio estarían, equidistantes, o PSdeG e En Marea, para os cais o problema é que o Estatuto de 1981 aínda non estaría esgotado. Partillas esta descrición do taboleiro?

-O que realmente creo é que a única organización que con claridade está plantexando que Galiza necesita poder político para solucionar os problemas que temos as galegas e os galegos é o BNG, e mesmo me sorprende que algunhas persoas que se din rupturistas logo na práctica están a defender o actual marco constitucional. Creo que hai un esgotamento de todo este sistema, quer do ponto de vista democrático quer do ponto de vista económico e social, e estamos nun momento en que podemos abrir unha nova etapa para o país, onde as galegas e os galegos tomemos as rédeas do noso futuro, teñamos capacidade real para poder decidir sobre a nosa economía, sobre os nosos impostos, sobre o tipo de servizos públicos que temos, e o Bloque non vai deixar pasar esa oportunidade.

29493885560_3b2560f2a3_z-Cando falas coa xente na rúa ou despois dun mitin ou durante un reparto de propaganda, que é o que máis che piden que digas ou que fagas na campaña?

-O que che pide moita xente é que deas máis caña. Pero recoñezo que neste momento hai moitas persoas que están pedindo tamén que os seus problemas concretos aparezan. É tremendo o que che contan. Estivemos, por exemplo, con emigrantes retornados aos que a fiscalidade español tratou como se fosen delincuentes e son as vítimas dun sistema inxusto, en vez de ir a pola fraude real que é a das grandes empresas ou a das grandes fortunas, que ou non tributan ou teñen eses paraísos fiscais ou sicavs para case non pagar impostos...Están indo a pola xente de abaixo dunha maneira inxusta...Estamos nun momento en que a xente o que máis necesita é esperanza e para poder ter esperanza temos que ter un proxecto sólido no que confiar e o Bloque é unha alternativa con garantías, con rigor e con seriedade, mais tamén con valentía para poder enfrentar os cambios que necesita o país.

-Das propostas que estades a facer, cal cres que está a chegar á xente con máis forza?

-Iso é moi difícil de medir. Evidentemente, hai unha idea clave que é a idea de que Galiza pode saír adiante se toma o control dos seus recursos e do impulso á criación de emprego. Esa é unha idea fundamental. Eu creo que as galegas e os galegos somos un gran país, con recursos, con capacidade, neste ano non fallaron as persoas, fallaron os gobernos; necesítase crer no país para o sacar adiante. Isto é como na vida persoal: se non cres en ti mesmo non es capaz de desenvolver nada na vida. Eu creo tamén que como país, como colectivo, tamén nós necesitamos isto.

-En que se notaría termos unha presidenta nacionalista? -Pois en que desterraríamos tanta indolencia contra o machismo e mesmo tantas ofensas

-En que se notaría termos unha presidenta nacionalista?

-Pois e que desterraríamos tanta indolencia contra o machismo e mesmo tantas ofensas. Nós non destinariamos nen un só euro a financiar a discriminación, nen os centros que segregan por sexos nen as empresas que dunha ou doutra forma están a manter discriminación salarial ou outras na administración. E teriamos, sobre todo, unha presidenta que non permitiría a humillación que supón manter como presidente da Deputación de Ourense ao señor Baltar. Hai que lembrar que as conversas nas que o señor Baltar utilizaba o seu cargo para solicitar sexo as escoitamos todas e todos. Non necesitamos nengún xuíz para determinar o que pasou porque todas e todos puidemos escoitar. Eu a pergunta que me fago é por que o señor Feijóo non lle pode pedir a demisión a Baltar.

-Unha última cuestión que xa sei que non me vas responder, mais fágocha igual, reservades algunha sorpresa, algún golpe de efecto, para estes tres días finais de campaña?

-Se cho digo xa deixa de ser unha sorpresa (Ri).

Máis en POLÍTICA
Comentarios