O BNG di que Monbus presenta buses que usa na Galiza a un concurso en Valencia

O PP rexeita unha moción sobre incumprimentos no servizo de transporte
Vehículo de Monbus (Foto: Nós Diario).
photo_camera Autocar da compañía Monbus. (Foto: Nós Diario)

"A conivencia entre PP e o grupo empresarial Monbus xa traspasa as nosas fronteiras e constatamos como este mesmo verán foron paralizadas varias licitacións no servizo de transporte escolar da Generalitat Valenciana, adxudicadas a Monbus, onde se pretende dar o servizo de transporte escolar incluíndo neste servizo até 54 vehículos que xa operan en lotes actualmente activos en Galiza".

Esta é a denuncia que o deputado Paulo Ríos (BNG) realizou no pleno do Parlamento da Galiza durante a súa defensa da moción na que reclamaba un "transporte público de calidade" na Galiza. Ríos acusou á titular de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez de permitir “incumprimentos reiterados de contratos e  avalar irregularidades” na adxudicación de contratos para favorecer o monopolio do grupo Monbus.

O parlamentario nacionalista explicou que este servizo leva anos dando síntomas de mal funcionamento e empeorando a calidade da prestación a usuarios e usuarias ao que sumou as “precarias” condicións laborais dos traballadores e traballadoras e o “paulatino esmorecemento” das  pequenas e medianas empresas do transporte de viaxeiros.

Patria Otero (PSdeG) afirmou que a súa formación leva "anos advertindo de que desde a Xunta hai unha falla de escoita a sector e usuarios" sobre a realidade do transporte por estrada. "O seu plan foi contra as pequenas e medianas empresas" do sector.

Pola súa parte, José Manuel Balseiro (PP) acusou a oposición de facer "acusacións sen fundamento" e afirmou que usuarios e usuarias "valoran con case un notábel" o servizo de transporte público.

Comentarios