@S NACIONALISTAS VEN UN SOBRECUSTO DE 372 M€ EN FAVOR DUNHA EMPRESA "AMIGA" DO PP

O BNG denuncia a Xunta perante a Fiscalía por prevaricación na construción da autovía da Costa da Morte

O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, denuncia que Feijóo usa cartos públicos para beneficiar construtoras afíns ao Partido Popular.

vence bng
photo_camera Vence perante o TSXG

O BNG presentou unha querela ante a Fiscalía xeral de Galiza en relación ao sobrecusto que o actual goberno galego ten provocado na construción da autovía da Costa da Morte. O voceiro nacional da formación nacionalista, Xavier Vence, presentou a iniciativa en persoa, após explicar aos medios as razóns que levaron a tomar esa decisión.

“A Xunta de Feijóo está a multiplicar gastos, a pagar moito máis do inicialmente previsto malia que só se vai construír a metade da infraestrutura”, explicou ante a sede xudicial da Coruña. “No BNG consideramos que se multiplican por tres os gastos, que saen de cartos públicos, a pesar de que unicamente vanse facer 27 quilómetros cun sobrecusto que estimamos en 372 millóns de euros”, engadiu o dirixente nacionalista.

“Con esta manobra, o PP entrega como un agasallo pero que sae do erario público grandes cantidades de diñeiro a construtoras como Copasa, amiga do PP e que aparece nos papeis de Bárcenas e outros escándalos. Trátase dun regalo con cartos de todos os galegos e as galegas, por iso estamos aquí, xa que vemos claro que existen motivos para que a Fiscalía abra unha investigación”, afirmou Vence.

A TVG preguntou ao voceiro do BNG pola licitación do bipartito nesa mesma infraestrutura, que este lembrou que era por “menos cartos” e máis quilómetros. Así mesmo, Vence falou da Operación Zeta, onde volveu pedir unha Comisión Parlamentar e unha depuración de responsabilidades que resulta na dimisión da conselleira de Traballo, Beatriz Mato. 

Comentarios