O BNG denuncia con datos dos MIR a "fuga de profesionais" da Atención Primaria galega e o "relato" do PP

Os nacionalistas propoñen á Xunta tres alternativas para paliar a situación de "colapso" da Atención Primaria.
A deputada do BNG no Parlamento Montse Prado. (Foto: Nós Diario)
photo_camera A deputada do BNG no Parlamento Montse Prado. (Foto: Nós Diario)

A portavoz do BNG de Sanidade, Montse Prado, advertiu que os datos sobre os MIR en Galiza "desmontan o relato do PP" sobre a falta de profesionais na sanidade galega e, en concreto, na Atención Primaria.

Para a nacionalista, estes datos veñen confirmar que aquelas e aqueles que están en formación “foxen en desbandada porque non aceptan traballar sen límite, sen calidade na atención e con risco para a súa saúde e para a das e dos doentes”.

Prado recalcou que “ás nove prazas MIR que ninguén colleu” na Galiza hai que sumar a "fuga" daquelas e daqueles que están en formación. “Dos 11 MIR que rematan en Compostela só dous optan a quedarse na Atención Primaria; dos 23 en Vigo, só 10; dos 18 da Coruña, só 7; dos 11 de Ourense, só dous; dos 10 de Lugo, cinco ou só tres dos cinco de Ferrol”, enumerou.

“Converter en norma as intersubstitucións ou as prolongacións de xornada para que unha profesional faga o traballo de tres, catro ou as que fagan falta está claro que non é a alternativa”, engadiu.

"Situación dramática" da Atención Primaria

A portavoz de Sanidade do Bloque asegurou que “o PP xa non consegue tapar con propaganda a situación dramática na que se atopa a Atención Primaria” e, neste sentido, considera inaceptábel que “a súa secretaria xeral diga que a nosa sanidade é a envexa de todos”.

“Que pregunten aos miles de galegos e galegas que non teñen médico asignado, aos que teñen que agardar semanas para ter unha cita, aos case 200.000 que agardan por unha primeira consulta hospitalaria, aos 40.000 que agardan por unha intervención cirúrxica, aos miles que tamén esperan por probas diagnósticas, aos que lles pecharon os consultorios ou aos miles de crianzas que non teñen pediatra”, recriminou.

Neste contexto, Prado propuxo á Xunta tres alternativas para acometer no inmediato: incrementar xa o orzamento da Atención Primaria até igualalo con 2,2% de media estatal, cun plan de choque de 200 millóns de euros; pór en marcha un plan de captación e retención de profesionais, “con ofertas atractivas e competitivas, con coidado e respecto ao persoal para que traballar e conciliar non sexa misión imposíbel”; e incorporar novas categorías profesionais como psicoloxía clínica, terapeutas ocupacionais, logopedas, traballadores e traballadoras sociais, podólogos, ópticos ou optometristas, que contribúan a "desconxestionar o primeiro nivel asistencial".

A deputada nacionalista reclamou así ao Executivo galego “que deixe de pór os seus esforzos en negar a realidade e que os poña en resolver o problema”. “En definitiva, que actúe para que a Atención Primaria non se colapse de inmediato”, concluíu.    

Comentarios