A defensa dos intereses da Galiza e a Atención Primaria centrarán as preguntas a Rueda no vindeiro pleno

Decorrerá o 28 e 29 de xuño.
Xunta de portavoces desta terza feira. (Foto: Europa Press)
photo_camera Xunta de portavoces desta terza feira. (Foto: Europa Press)

A defensa dos intereses da Galiza ante o Estado español e a situación da Atención Primaria galega centrarán as preguntas do BNG e do PSdeG ao presidente da Xunta, Alfonso Rueda, no próximo pleno da Cámara galega, que terá lugar os días 28 e 29 de xuño.

A orde do día, fixada esta terza feira na Xunta de Portavoces, comezará coa comparecencia da conselleira de Política Social, Fabiola García. Tras iso, interromperase a sesión con motivo da celebración do acto de entrega das Medallas Castelao, no que se galardoarán o intelectual e político nacionalista Camilo Nogueira, o chef Javier Oleiros e o xornalista Javier Sánchez de Dios.

O pleno retomarase pola tarde co debate para a aprobación definitiva do proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga, así como a toma en consideración do Proxecto de lei de áreas empresariais da Galiza.

Esta alteración da orde do día motivou a crítica do BNG, cuxa viceportavoz parlamentaria, Olalla Rodil, censurou que se modifique en función dos intereses do PP e cualificou de "intolerábel" que a visita do rei ou calquera outro acto marque a axenda parlamentaria polo PP que decide de forma "unilateral".

A estas críticas replicou o viceportavoz popular Alberto Pazos, quen asegurou que se trata de actos que "forman parte das obrigacións de calquera deputado" polo que "é razoábel que se permita a súa asistencia" e se compatibilice " co normal desenvolvemento" da sesión plenaria.

Propostas dos grupos

O primeiro en comparecer ante os medios tras a reunión da Xunta de Portavoces foi o socialista Luís Álvarez, quen destacou que o seu grupo centrará o pleno no "gravísimo problema" da Primaria. Así, preguntará a Rueda sobre as medidas que adoptará o Goberno galego para reforzar esta rama sanitaria ante o inicio da temporada estival.

Pola súa parte, a nacionalista Olalla  Rodil, destacou que a súa formación centrará o próximo pleno na reclamación ao Estado das transferencias galegas e a "incapacidade" do Goberno galego e do presidente Rueda neste ámbito.

Comentarios