23-X

O BNG consolidaría o segundo escano en detrimento de Sumar, segundo unha nova enquisa

A formación nacionalista lograría superar a candidatura impulsada por Yolanda Díaz na circunscrición de Pontevedra e obter así unha acta para Carme da Silva, tal e como avanzaron xa outros estudos como o recente do CIS.
Cartaces electorais pendurados nunha rúa de Ames. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Cartaces electorais pendurados nunha rúa de Ames. (Foto: Nós Diario)

O PP subiría tres deputados nas catro circunscricións galegas nas eleccións estatais do vindeiro 23 de xullo fronte ao resultado alcanzado en 2019 e vencería o resto de forzas políticas de decorreren hoxe os comicios, segundo a última enquisa de Sondaxe, publicada este domingo por La Voz de Galicia.

Os datos desta demoscopia lanzan tamén un empate técnico en intención de voto entre Sumar (10,7%) e BNG (10,9%) na Galiza. Esta intención de voto lixeiramente máis alta traduciríase en dous escanos para a formación nacionalista e un para a impulsada por Yolanda Díaz. Concretamente, a enquisa de Sondaxe dálle 13 deputados ao PP (+3), 7 ao PSdeG-PSOE (-3), 1 a Sumar (-1) e 2 ao BNG (+1). De novo, o ultraespañolismo de Vox non obtería representación na Galiza.

Por circunscricións, a da Coruña sería a única na que as catro formacións con representación actualmente no Congreso conseguirían mantela para a vindeira lexislatura. Desta maneira, a repartición sería de 4 deputados para o PP (+1), 2 para o PSOE (-1), 1 para Sumar e outro para o BNG, o de Néstor Rego, estas dúas formacións sen mudanzas a respecto de 2019.

En Pontevedra, o escano que actualmente conserva Unidas Podemos perderíao Sumar e iría para o BNG, da man de Carme da Silva. Esta tendencia xa a avanzaron outras enquisas como, recentemente, a do CIS. Mentres, PP e PSOE manterían tres representantes cada un, os mesmos que en 2019.

Segundo Sondaxe, o PSOE perdería un deputado por Lugo, que pasaría ao PP, de forma que quedarían 3 escanos populares (+1) e 1 socialista (-1). O mesmo transvasamento outorga en Ourense, de maneira que o escano que perdería o PSOE, que quedaría cun representante, iría ao PP, que subiría de 2 a 3 deputados.

A nivel estatal, este estudo outorga ao PP 128 (+39) que, xunto coa extrema dereita, con 47 deputados (-5), ficaría a un deputado da maioría absoluta de 176 escanos. Mentres, o PSOE quedaría con 104 escanos (-16) e Sumar subiría a 38, os mesmos que a suma de Más País e UP en 2019.

EH Bildu lograría aumentar o seu grupo de 5 a 6 deputados, mentres que o PNV pasaría a 5 fronte aos 6 que ten na actualidade. Junts conseguiría 9 escanos (+1), ERC tamén 9 (-4) e Ciudadanos perdería a súa representación. En canto ao resto de formacións territoriais, á marxe dos 2 do BNG, Teruel Existe conseguiría un escano e Coalición Canaria, outro.

Comentarios