O BNG e o Bloco de Esquerda alíanse para impulsar proxectos ferroviarios

Ambos os partidos, un da Galiza e outro de Portugal, consideran que poden traballar de maneira conxunta para promover e reclamar iniciativas que sexan beneficiosas para os dous territorios.
Reunión entre o BNG e o Bloco de Esquerda. (Foto: BNG)
photo_camera Reunión entre o BNG e o Bloco de Esquerda. (Foto: BNG)

O BNG vén de asinar unha alianza co Bloco de Esquerda para dar impulso a proxectos vinculados co ferrocarril que supoñan beneficios de todo tipo para Galiza e Portugal. Así o acordaron representantes de ambas formacións nunha reunión presidida por Ana Pontón (portavoz nacional do BNG) e Catarina Martíns (coordinadora nacional do Bloco) que decorreu esta segunda feira en Vigo.

A idea non era outra que crear unha alianza estratéxica pensando nos "intereses comúns" que existen entre os dous territorios e que pode ser preciso pór aínda máis de manifesto ante as Administracións públicas. Se ben o Executivo portugués xa amosou o seu compromiso cunha conexión por tren entre Lisboa e Vigo, no Estado español foi o Eixo Atlántico o que intentou convencer á Xunta para reclamar un proxecto e fondos para acometer a parte galega da infraestrutura ao Goberno de Pedro Sánchez.

A axenda podería ter sido moito máis ampla, pero neste primeiro encontro as partes preferiron centrar o diálogo en tres iniciativas que consideran fundamentais. Todas elas, iso si, pensadas para a conexión por tren para mover pasaxeiros ou mercadorías: a conexión ferroviaria Vigo-Porto, o Corredor Atlántico de Mercadorías con Europa e o Eixo Atlántico de Mercadorías Ferrol-Sines, "prioritarias para o desenvolvemento económico e social, ganar en competitividade e para xear riqueza e emprego".

A líder do Bloque explicou, após o cumio, que se acordou pór en marcha "un grupo de traballo estábel e promover unha alianza estratéxica entre Galiza e Portugal que actúe como lobby para defender estes proxectos claves para non perder o tren do futuro, aproveitando ademais o financiamento extraordinario que supón o fondo de reactivación Next Generation".

“E para iso sumamos forzas nun polo atlántico que exerza influencia e actúe de contrapunto a un centralismo que ameza con deixarnos fora da primeira velocidade, reforzar un polo atlántico para defender os intereses comúns de Galiza e de Portugal ante o deseño centralista das infraestruturas que impulsa o Estado español e tamén ante a inacción do Goberno galego cun presidente da Xunta sen iniciativa que, na práctica parece compartir ese deseño radial madrileño”, subliñou Pontón.

Tres puntos chave

Facendo especial fincapé no corredor Lisboa-Vigo, a portavoz nacional pediu apoio para a saída sur de Vigo porque malia ser só 30 quilómetros de percorrido até a fronteira portuguesa "a modernización" da liña existente "suporía un salto de xigante para conseguir unha mobilidade sustentable e para a cohesión económica e social entre Vigo e o Norte de Portugal”.

Respecto ao traxecto para as mercadorías, Pontón cre que “non pode quedar relegado fronte ao Corredor Mediterráneo por parte do Estado español". De feito, advertiu de que "non imos permitir dúas velocidades para ambos corredores no que saiamos perdendo e por iso urxe facer de contrapunto á aposta política e orzamentaria a favor do mediterráneo". O terceiro eixo tratado, o de Ferrol-Sines axudaría ao dinamismo económico.

Críticas ao traballo de Feixoo

Neste contexto, a nacionalista foi moi crítica coa xestión da Xunta. “Feixóo non estableceu ningunha alianza estratéxica co país veciño en tres anos pese a presidir o grupo de traballo da eurorexión desde 2017", dixo.

Ao seu parecer hai "máis iniciativa no Goberno portugués que no español e no galego, e consideramos un paso adiante a aposta do Executivo luso polo eixo ferroviario Lisboa-Porto-Vigo, ignorando as presións para priorizar Lisboa-Madrid".

Comentarios