O Eixo Atlántico convence á Xunta de pedir fondos para o Corredor Atlántico

O Eixo Atlántico, a institución que até o de agora se amosou máis comprometida coa conexión ferroviaria entre Galiza e Portugal, reuniuse esta segunda feira coa Xunta e o Consello Económico e Social (CES). No decorrer da reunión convenceu ás outras partes para crear unha comisión que demande fondos ao Estado para esta infraestrutura.
Un instante da reunión entre o Eixo, a Xunta e o CES sobre o futuro do ferrocarril. (Foto: Europa Press)
photo_camera Un instante da reunión entre o Eixo, a Xunta e o CES sobre o futuro do ferrocarril. (Foto: Europa Press)

O Eixo Atlántico, que desde hai semanas viña reivindicando unha maior implicación das institucións galegas na demanda ao Goberno estatal de fondos para financiar a parte galega do Corredor Atlántico de ferrocarril, conseguiu hoxe o compromiso da Xunta e o Consello Económico e Social (CES) para loitar por esta infraestrutura.

O Executivo portugués xa amosou hai tempo que o seu interese é conectar con Vigo e, en consecuencia, con toda a zona atlántica do país, mais desde España aínda había unha defensa para que a mellora da mobilidade fose cara o centro da península.

Porén, o Eixo Atlántico reivindicaba a necesidade de construír a parte galega da conexión que vai comezar Portugal, de maneira que se aproveite esa potencialidade que pode aportar o tren. Con esa idea da creación do Corredor Atlántico do Noroeste foi o secretario xeral do Eixo, Xoán Vázquez Mao, a un encontro de traballo.

Na sesión, na que participaron o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo; a vicepresidenta do Eixo, Lara Méndez, e o presidente do Consello Económico e Social da Galiza, Agustín Hernández, entre outras representantes políticas, chegouse ao acordo de crear unha comisión executiva para facer presión en Madrid de cara ao reparto.

A idea é demandar de maneira conxunta “investimentos” no corredor ferroviario para ter unha maior forza. De feito, xa se avanzou que agora convidarán a integrarse no grupo de acción á Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Sumar a Asturias e Castela e León

A Xunta declarou, despois de meses de silencio, que é preciso “aproveitar a oportunidade única dos fondos europeos de recuperación Next Generation para impulsar” este corredor a través dunha “remodelación global da súa rede ferroviaria”.

Quer o Eixo, quer o CES foron un paso máis lonxe ao pensar tamén en sumar vontades con Asturias e Castela León, de maneira que todo o norte quede cuberto e cunha conexión cara Europa que sexa competitiva.

A proposta do Eixo Atlántico, será Agustín Hernández quen presida a comisión que estará conformada por un representante de cada entidade.

Comentarios