18-F | Vídeo

Rego reivindica un BNG "á alza, sen teito, que quere seguir crecendo"

O deputado do BNG no Congreso achaca o seu ascenso a manterse en "clave galega" fronte a outras forzas, como PSOE e Sumar, que "españolizaron" a campaña.
Néstor Rego, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)
photo_camera Néstor Rego, en rolda de prensa. (Foto: Nós Diario)

O deputado e portavoz do BNG no Congreso, Nestor Rego, achaca a suba da súa formación nos comicios galegos do domingo, pasando de 19 a 25 escanos, a que se mantiveron en "clave galega" fronte á campaña "españolizada" levada a cabo por parte do PSOE e Sumar, dixo, coa presenza constante dos seus líderes e ministros.

Durante unha rolda de prensa ofrecida esta terza feira no Congreso, Rego mostrouse convencido de que a cidadanía da Galiza votou en "clave galega" a pesar de que o PSOE e Sumar optasen por "españolizar" a campaña das eleccións coa presenza permanente dos seus líderes e ministros no país durante todo o período preelectoral, e reivindicou que, en contraposición, o BNG trasladou as súas propostas optando por unha campaña "tranquila e en positivo".

Porén, o portavoz galego tamén acusou o PP de facer un "esforzo extraordinario" para introducir na campaña galega elementos que non teñen a ver coa Galiza. Ao seu xuízo, esta estratexia débese a que non eran "capaces de defender a súa xestión" e, ante isto, "non faltou ningún dos comodíns habituais do Partido Popular", reprochou.

Segundo Rego, os "medios publicados en Madrid" dedícanse a facer valoracións "que non teñen nada a ver" coa realidade da Galiza e, por tanto, sorpréndelle que se fagan "debates" sobre o resultado destes comicios con "pouco coñecemento da realidade". "É de aí de onde saen esas interpretacións en clave estatal que non teñen nada a ver connosco", afeou.

Ademais, ao ser preguntado polo posíbel transvasamento de votantes do PSOE á súa formación despois de que os socialistas obtivesen o seu peor resultado na Galiza, pasando de 14 a 9 escanos con respecto ao ano 2020, explicou que o PSOE perdeu 45.000 votos, mentres que o BNG gañou 155.000 votos e, por tanto, di que hai unha diferenza de máis de 100.000 votos que "de forma clara non viñeron dos votantes anteriores do Partido Socialista".

Néstor Rego reivindicou tamén un BNG "á alza, sen teito, que quere seguir crecendo en apoio institucional e tamén crecendo como organización política e capacidade de intervención social".

Máis en POLÍTICA
Comentarios