Crise dos pellets

Besteiro reúne alcaldes socialistas afectados polos pellets para "suplir o abandono" da Xunta e Rueda

Os concellos, dixo o candidato do PSdeG, padecen as consecuencias da "falta de liderado, resposta, a inacción e a falta de competencia" por parte do Goberno galego.
Acto dos socialistas convocado hoxe por José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)
photo_camera Acto dos socialistas convocado hoxe por José Ramón Gómez Besteiro. (Foto: Europa Press)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, reuniu esta segunda feira unha trintena de alcaldes, alcaldesas e portavoces socialistas de municipios afectados pola vertedura de pellets para "suplir o abandono" do presidente galego, Alfonso Rueda, e do seu Goberno neste asunto. O dirixente socialista constituíu hoxe este grupo de responsábeis a todos os niveis para garantir "información, coordinación e colaboración" mentres dure a crise ambiental.

"Hoxe estivemos nesta reunión facendo o que tiña que facer o presidente da Xunta desde o primeiro momento, que é reunir aos alcaldes e alcaldesas afectados e pórse á fronte da situación", sinalou Besteiro, após manter o encontro cos rexedores na Toxa, O Grove (O Salnés).

No acto, do que informou o PSdeG nun comunicado, o aspirante socialista á Xunta comprometeu "información detallada todos os días e as 24 horas" aos concellos que sofren a chegada dos plásticos ás costas e que, segundo indicou, padecen as consecuencias da "falta de liderado, resposta, a inacción e a falta de competencia" por parte do Goberno galego. Aliás, lamentou que a xestión desta crise revelase a "soberbia e a mentira" como forma de actuar do Partido Popular no Goberno galego.

Batería de iniciativas

Ademais, presentou un catálogo de cinco propostas básicas para facer fronte á situación, que empeza coa constitución de comités de crises que reúnan desde o primeiro día a todas as administracións afectadas. Así, reclamou incorporar aos concellos, a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), ademais da administración estatal e autonómica, con independencia do nivel necesario na crise ambiental.

Tamén pediu recursos materiais e humanos para que os concellos poidan realizar a limpeza sen custo, así como información científica e transparencia que permita afrontar a situación con tranquilidade. Neste sentido, alertou do problema que supón a "falta de seguridade, de información e as mentiras", que xeran "pánico" na poboación civil. O candidato socialista pediu unha campaña de difusión e apoio á promoción da calidade dos produtos pesqueiros e marisqueiros, na liña que tomou desde o primeiro momento o ministro de Agricultura e Pesca, Luis Planas.

Por último, demandou "información clara sobre os procedementos de reclamación penais e civís" sobre os gastos e danos que se produzan derivados da chegada de pellets ás costas. Besteiro recolleu as propostas e as reclamacións dos alcaldes e alcaldesas afectados, que denuncian a "descoordinación" por parte da Xunta, así como a "falta de información constante e diaria", e a "falta de efectivos desde o primeiro momento".

Ademais, criticou que a "falta de liderado" da Xunta traduciuse sobre o terreo en deixar aos concellos sós e advertiu que o atraso "lamentábel" na resposta a esta crise débese "unicamente á mala xestión da Xunta", a pesar da colaboración total por parte dos concellos e do Estado. E, finalmente, destacou a importancia de "sumar todos na mesma dirección" fronte a esta situación.

Máis en POLÍTICA
Comentarios