18-F

Besteiro partilla con alumnado as súas propostas para garantir un futuro no que "ninguén quede atrás"

O candidato do PSdeG para liderar San Caetano, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitou o penúltimo día da campaña electoral para manter un encontro con alumnos do instituto Rosalía de Castro de Compostela.
besteiro
photo_camera Besteiro co alumnado compostelán (Foto: PSdeG)

O candidato do PSdeG para liderar San Caetano, José Ramón Gómez Besteiro, aproveitou o penúltimo día da campaña electoral para manter un encontro con alumnos do instituto Rosalía de Castro de Compostela, cos que compartiu as súas propostas para garantirlles un futuro na Galiza cando finalicen os seus estudos.

Besteiro foi entrevistado esta quinta feira por nove alumnos dunha clase de diversificación curricular de terceiro da ESO, quen o interpelaron polas propostas que ten para que estudantes como eles, que tiveron problemas en anos anteriores e cun peor rendemento académico, poidan ser atendidos.

Respecto diso, Besteiro trasladou que a filosofía dos socialistas pasa por "non deixar ninguén atrás" en todos os aspectos da vida, tamén na educación. Para iso, considerou necesario habilitar máis recursos e máis profesorado, así como unha educación que tamén teña base no práctico. "Hai moitas cousas que se poden facer se se quere", manifestou.

Os estudantes, ademais, tamén lle preguntaron pola cociente de alumnos por aula, ao asegurar que o feito de que haxa 28 ou 30 alumnos por aula fai que para algúns sexa máis difícil aprender. Sobre este punto, o socialismo considerou que non se debe estandarizar a educación, senón que cada unidade educativa debe ter un estudo das súas necesidades "individualizado".

Besteiro considerou que non se deben superar os topes, senón que se debe "ir á baixa", e incidiu tamén na necesidade de habilitar os recursos materiais adecuados.

Nunha das aulas do instituto e preguntado polos alumnos polas medidas que o socialista ten para posibilitar que os mozos teñan un futuro laboral na Galiza tras finalizar os seus estudos, o candidato do PSdeG sostivo que este é o "verdadeiro reto da Galiza".

"Que a xente cando deixa de estudar poida ter un traballo aquí e para iso hai que xerar oportunidades", dixo o socialista, que lembrou a súa insistencia na necesidade de reindustrializar a Galiza, cunha aposta polas enerxías renovábeis.

Besteiro incidiu que se ofrece futuro ofrecendo aos cidadáns un emprego posibilidades para que accedan a unha vivenda. "E iso conséguese con industiralización, maiores recursos...", sinalou para referirse tamén aos desequilibrios territoriais existentes entre zonas do rural con cidades como a capital galega.

Comentarios