Besteiro aposta por reformar o Estatuto na vindeira lexislatura

O candidato pide ter máis autogoberno

José Ramón Gómez Besteiro copou hoxe boa parte da atención mediática nos corredores do Parlamento da Galiza. (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera José Ramón Gómez Besteiro (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)

O candidato do PSdeG á Presidencia da Xunta da Galiza, José Ramón Gómez Besteiro, avoga por que na vindeira lexislatura se reforme o Estatuto de Autonomía da Galiza para dar o país máis autogoberno.

Así o avanzou en declaracións aos medios o tamén deputado socialista no Congreso, quen participou este 6 de decembro nos actos oficiais polo 45 aniversario da constitución española en Lugo.

Besteiro, quen xa suxerira unha reforma na súa etapa como delegado do Goberno español na Galiza -no marco da discrepancia coa Xunta polas competencias da lei galega do litoral-, cre que a actualización do estatuto "debe ser un empeño de país e ten que ser abordado na próxima lexislatura galega".

O dirixente socialista lembrou que a galega é "unha das nacionalidades históricas" que mantén "exactamente igual" este texto, desde a súa aprobación en 1981. "E as cousas cambiaron moito desde entón", engadiu.

Neste contexto, o candidato do PSdeG á Xunta considera que a Galiza do futuro "precisa máis autogoberno nunha España plural e de consenso" na que caben "todos". "Como sempre digo eu, unidade desde a diversidade", concluíu Besteiro.

Comentarios