Beiras ve un PP sen maioría no Parlamento galego en 2024

Xosé Manuel Beiras di que a Feixoo "fixéronlle un lavado de moderación, pero de moderado non ten nada"
Xosé Manuel Beiras nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).
photo_camera Xosé Manuel Beiras nunha imaxe de arquivo (Foto: Europa Press).

O ex dirixente nacionalista Xosé Manuel Beiras ve "perfectamente verosímil" que nas próximas eleccións haxa un "desaloxo" do PP na Xunta, pero advirte de que o importante é "que" se é capaz de facer.

"Sempre manteño a visión de que non hai case nada absolutamente imposíbel; que sexa posíbel depende de variábeis", manifestou Beiras nunha entrevista en RNE, na que expresou que lle parece "un horizonte perfectamente verosímil que nas próximas eleccións ao Parlamento se desaloxe a maioría (ao PP) e do Goberno", mais pregúntase "unha vez que iso ocorrese, que serían capaces de facer?".

Beiras insistiu en que a chave é marcar "un punto e á parte" e provocar "unha ruptura do réxime" que comparou con "entrar nunha selva co machete".

Durante a entrevista, Beiras lamentou que as candidaturas de confluencia desde a coalición de 2012 en AGE fracasasen pola súa culpa. "Non estivemos á altura", recoñeceu, tras lamentar, tamén, que o "BNG non aceptase" entón unha coalición que primase as demandas das clases traballadores fronte á cuestión Galicia-Estado.

"Sempre digo que nisto non hai culpábeis, hai responsábeis", sinalou, para a continuación afirmar que a realidade é que se perdeu o voto de confianza outorgado por 400.000 galegos e galegas en decembro de 2015, unha situación inédita na esquerda na Galiza, ao que engadiu que "os aliados estatais non cumpriron os acordos do grupo confederal".

Sobre o proceso de escoita que vai iniciar a vicepresidenta primeira Yolanda Díaz, Beiras manifestou que "oxalá articule" unha alternativa. Dixo, con todo, que con el "non se portou ben", citando expresamente as "lealdades co proxecto", pero "iso é unha cousa" que non quita que o que fixo como ministra de Traballo, "dentro do que se podía facer, é excelente".

A marcha de Feixoo

Sobre a marcha de Feixoo, Beiras manifestou que "non vale a pena moito falar dese individuo" e reprochou que volveu á Galiza para "darlle a volta polo forro ás institucións" e para ser o "esquirol" do "espolio ao país, enerxético, financeiro, das caixas...". "E por tanto, non estou disposto a falar moito del, porque non o merece", agregou.

Lembrou, iso si, que no último debate do Estado da Autonomía que mantiveron ambos lle dixo, "case literalmente" ─rememorou─, que "como presidente só merecía (o seu) desprezo e como persoa, conmiseración".

A isto Beiras engadiu que a Feixoo "fixéronlle un lavado de moderación, pero de moderado non ten nada". "As mata calando, unha mosca morta, unha abella morta pero que pica", sinalou respecto das coalicións PP-Vox.

O histórico nacionalista tamén afeou ao xa ex presidente da Xunta que cando estaba na Consellería de Sanidade con Romay Beccaría "conchababa con Marcial Dorado". "Un tipo así como pode ser presidente da Xunta, tiña que estar inhabilitado", valorou.

Comentarios