Anova tamén renuncia ás estatais do 10N

A formación de Beiras, Noriega e Antón Sánchez volve ficar á marxe dunhas xerais, como aconteceu en abril, ao non chegar a acordos con Podemos e EU.
Xosé Manuel Beiras e Antón Sánchez (Arquivo)
photo_camera X. M. Beiras e Antón Sánchez.

“Entendemos que a competición entre diferentes opcións do espazo de ruptura divide a necesaria unidade e non se corresponde coa nosa aposta pola acumulación de forzas, motivo polo que decidimos non concorrer ás vindeiras eleccións xerais”, informou esta segunda feira Anova nun comunicado de prensa.

A formación nacionalista, que o sábado pasado reuniu os seus órganos de dirección para estabelecer as condicións dos pactos electorais, volve ficar á marxe dunha convocatoria ás estatais despois de que tampouco topase aliados cos que concorrer aos comicios do pasado 28 de abril.

Anova apostaba por “dar continuidade ao espazo” que se abriu con AGE, as mareas municipalistas, co Pacto de Mazarelos –previo ás estatais do 2015– e coa asemblea de Vigo na que naceu En Marea –antes das galegas do 2016. Mais as diferenzas entre os socios foron minando o espazo e as confluencias cesaron. Con Luís Vilares (e Cerna) por un lado, e Podemos e Esquerda Unida, polo outro, non hai máis actores que sumar á “proposta unitaria de Ruptura co Réxime” de Anova.

“No inmediato, traballaremos xa para conseguir que nas vindeiras eleccións autonómicas poidamos conseguir esa unidade de acción que impida revalidar ao PP o goberno do país”, di o comunicado. 

O partido que mantén como referente a Xosé Manuel Beiras e como cabezas visíbeis a Martiño Noriega e Antón Sánchez, empezará a considerar as súas opcións de recuperar os pactos con Podemos e Esquerda Unida de cara as galegas do ano que vén, e precisar o seu papel dentro dunha coalición que polo de agora segue limitada ao Parlamento galego.
 

Comentarios