'Sumar Galicia', así se chamará a marca electoral de Yolanda Díaz que aglutina Podemos e EU

É previsíbel que Díaz que sitúe persoas de máxima confianza nos que se consideran postos de saída, actualmente, os números un pola Coruña e Pontevedra, que son as circunscricións por onde conseguiu escano a coalición análoga nas eleccións estatais de 2019.
Ignacio Sánchez, Yolanda Díaz, Marta Lois e Fernando Salinas (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).
photo_camera Ignacio Sánchez, Yolanda Díaz, Marta Lois e Fernando Salinas (Foto: A. Pérez Meca / Europa Press).

Sumar, o partido que sitúa como candidata á Presidencia do Goberno español a galega Yolanda Díaz, rexistrou esta sexta feira a coalición electoral coa firma, finalmente, de Podemos e Esquerda Unida, os partidos que tamén apoian na Galiza esta unión electoral para o próximo 23 de xullo.

No seu "territorio", no que ela terá un peso decisivo para as candidaturas, haberá "diferenciación" cunha ‘chiscadela’ ao feito de que Galiza constitúe “unha nacionalidade histórica”.

Así, tal e como confirmaron fontes do espazo consultadas, Sumar Galicia será a marca coa que concorrerá cunha papeleta que ten previsto incorporar o rostro da propia Díaz, unha técnica que xa usara Pablo Iglesias nas europeas de 2014 cando logrou representación na cámara europea.

É previsíbel que Díaz que sitúe persoas de máxima confianza nos que se consideran postos de saída, actualmente, os números un pola Coruña e Pontevedra, que son as circunscricións por onde conseguiu escano a coalición análoga nas eleccións estatais de 2019.

Postos de saída

Desta maneira, é de esperar que a profesora universitaria, concelleira en funcións de Compostela Aberta e presidenta de Sumar, Marta Lois, ocupe o posto de saída pola circunscrición da Coruña, unha candidatura que liderou o ex coordinador de Podemos Galicia Antón Gómez Reino nos anteriores comicios e que agora podería pasar ao número dous.

O outro posto destacado é o número un por Pontevedra, lugar que se corresponde, precisamente, co escano que ocupa actualmente no Congreso Yolanda Díaz, quen concorreu por esta circunscrición nas pasadas eleccións estatais ante o risco, como así sucedeu, de lograr dous únicos representantes na Galiza.

Na Galiza, Sumar aglutina Podemos e Esquerda Unida pero o partido busca engadir outras figuras destacadas para unha coalición que, como xa ocorreu en 2019, se desprende de Anova, a formación cofundada por Xosé Manuel Beiras e Martiño Noriega que anunciou que non se presentará ás eleccións do 23 de xullo.

Resto do Estado

No resto do Estado e para as listas electorais, barállase outorgar a Podemos o cuarto posto en Barcelona, o quinto en Madrid e liderar as candidaturas en Murcia, Cádiz ou Navarra, As Palmas e Guipúscoa.

Na mañá desta sexta feira, a líder de Podemos, Ione Belarra, lamentou que desde o equipo da vicepresidenta segunda manifestasen que Montero era un "obstáculo insalvábel" para a candidatura ampla de esquerdas.

Comentarios