As bases de Podemos apostan en ir ás eleccións galegas en alianza con En Marea

A opción tivo un 75% dos apoios na consulta telemática. Carmen Santos indica que é un aval para crear unha “fórmula electotal á catalá” en referencia a En Comù Podem. Na votación tomou parte o 27,6% dos inscritos no censo.

photo_camera Carmen Santos_Podemos Galiza

As bases deron un si rotundo a concorrer en alianza electoral con En Marea ao 25 de setembro. Un 75,6% dos votantes na consulta telemática organizada por Podemos Galiza votou a prol desta opción, un “apoio claro”, en palabras da secretaria xeral, Carmen Santos, que xa anunciou que se ía poñer en contacto coas “forzas irmás”, en referencia a Anova, Esquerda Unida e as marés. Santos interpreta que os resultados do referendo, no que tomaron parte 6.056 inscritos (o 27,6% do censo total e 44,3% do 'censo activo') son un mandato para pular por crear o que cualificou como “fórmula electoral á catalá”, referíndose a En Comú Podem. Desta forma, Podemos non se diluiría en En Marea, que desde a asemblea do pasado sábado é partido instrumental.

A secretaria xeral destacou que "gañou a opción que eu defendía", incidindo en que tivo 4.576 votos (75,6%) fronte aos 1.471 (24,3%) dos partidarios de concorrer en solitario como Podemos, unha opción que fica descartada embora ser a maioritaria na asemblea da pasada sexta feira, e que non era vinculante.

A consulta despexa só en parte o camiño cara ás autonómicas do espazo que constitúen Podemos e as marés. Santos volveu deixar claro que a liña vermella era a de que o seu partido non se ía diluír e que os resultados da consulta eran a favor de ir en alianza, non de se integrar nun partido instrumental. De aí a súa refrencia a En Comú Podem, coligazón onde os actores integrantes manteñen a súa identidade propia. Mais isto bate co aprobado en Vigo, na asemblea xeral da maré constituínte, e na que se apostou por transformar En Marea nun partido instrumental.

Candidato

Preguntada polo candidato, Santos reiterou que só apoiarán un que saia dunhas primarias. O Faro de Vigo informaba na edición desta cuarta feira que Luis Villares, o maxistrado do TSXG que leva semanas sonando como a persoa para liderar a candidatura, descarta ser candidato de En Marea se Podemos rexeita "o partido instrumental". 

Comentarios