Ayuso critica a escolla da Coruña como sede da Aesia e acusa Sánchez de "esgazar" Madrid

O Goberno de Isabel Díaz Ayuso considera a decisión do Goberno do Estado de situar na Galiza e en Andalucía as axencias de Intelixencia Artificial e Espacial unha "traizón" a Madrid.
Isabel Díaz Ayuso, nun acto recente no Concello de Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera Isabel Díaz Ayuso, nun acto recente no Concello de Madrid. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

A presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, felicitou a Galiza e Andalucía por lograr que A Coruña e Sevilla alberguen a Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial (Aesia) e a Axencia Espacial Española (AEE) respectivamente, mais cargou contra o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, ao que acusou de "esgazar" e "descapitalizar" Madrid

"Nós o que queremos é dar os parabéns porque é bo para os galegos e os andaluces e por tanto para todos os españois", sinalou a líder madrileña antes de entrar ao acto de conmemoración do 44 aniversario da Constitución Española no Congreso.

Con todo, reprochoulle a Sánchez que desde o inicio tivese claro que nin Tres Cantos (candidata á AEE) nin Leganés (ASIA) serían as designadas.

Ayuso defende que estes entes "non empezan desde cero" senón que se "esgazan" e cuestiona que desde o Executivo estatal promovan "tensións territoriais" se tiñan decidido "desde un principio" onde se situarían.

"Permitiron que algúns presidentes socialistas nos insultasen", lamentou a presidenta en alusión ás críticas de baróns á vontade de Madrid de acoller tamén estes dous organismos. Considera a líder autonómica que "non houbo transparencia" e que estas decisións son "reclamos".

"Traizón" a Madrid

Xa onte, tras se coñecer a decisión do Goberno de situar a Aesia no edificio da Terraza na Coruña, nos xardíns de Méndez Núñez, e a AEE, en Sevilla, o vicepresidente e voceiro do Goberno autonómico, Enrique Ossorio, acusou a Sánchez de "traizoar" Madrid por non situar as axencias no seu territorio nun intento de "cernar" o crecemento da rexión.

Sostivo que "volveu a faltar o respecto aos preto de 7 millóns de madrileños" e cualificou de "discriminación en toda regra" non designar a Tres Cantos e Leganés.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, defendeu a escolla da Coruña, xa que considera que "é a decisión correcta" e amosou a súa "enorme satisfacción" pola decisión do Goberno que elixiu unha das tres cidades do territorio aspirantes a ser sede.

Comentarios