A Coruña, elixida sede da Axencia de Intelixencia Artificial

Sevilla albergará a futura Axencia Espacial Española.

Futura sede da Aesia na Coruña. (Foto: Xoán Roberes)
photo_camera A Terraza albergará a sede da Aesia (Foto: Xoán Roberes).

O Consello de Ministras e Ministros escolleu á cidade de Sevilla como sede da futura Axencia Espacial Española e A Coruña para albergar a Axencia de Intelixencia Artificial, concretamente no edificio coñecido como A Terraza

Así o confirmou a ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, na rolda de prensa posterior á reunión do Consello de Ministros desta segunda feira.

A Coruña impúxose ás outras 13 candidatas, entre as que figuraban, por exemplo, Granada e Alacant. Na decisión final, expuxo Rodríguez, influíu o paquete de axudas proposto pola candidatura, así como o apoio explícito da comunidade e o ecosistema formativo e empresarial relacionado con ela.

En concreto, a ministra subliñou que a Galiza ofrecerá axudas á mobilidade para os traballadores desprazados e as súas familias con apoio en materia de vivenda. Ademais, puxo en valor o ecosistema empresarial que apoiou o proxecto, así como a rede universitaria e de formación no campo que acompaña a candidatura. Á parte da Granada e Alacant, a candidatura impúxose a Ourense, Jerez de la Frontera, Salamanca, Segovia, Barcelona, Guadalaxara, Leganés, Palma, Isla de Tenerife e Zaragoza.

Reaccións

O grupo municipal do BNG celebra a designación da Coruña como sede da Axencia de Supervisión da Intelixencia Artificial e considéraa unha excelente noticia para a cidade e para Galiza.

Segundo destaca nun comunicado esa escolla é "produto da mobilización das enerxías da comunidade científica, académica, universitaria e empresarial da Coruña, ben como tamén do acordo entre as distintas forzas políticas representadas no Concello, en defensa da nosa candidatura".

A vicepresidenta segunda, Yolanda Díaz, destacou que a elección da Coruña, unida á designación de Sevilla para albergar a futura Axencia Espacial Española, mostra a aposta por un país "con institucións descentralizadas que leve a igualdade a todo o territorio".

Pola súa parte, o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, cualificou de "magnífica noticia" a escolla do Goberno estatal. "Foi unha competición moi dura. Había moitas cidades con méritos. Pero era unha candidatura potente e con moito futuro", defendeu.

Tamén expresou a súa satisfacción a alcaldesa da Coruña, Inés Rei, quen situou a súa cidade como "como polo tecnolóxico de referencia na Galiza e agora tambén en España".

Candidata oficial

A da Coruña foi a cidade escollida pola Xunta da Galiza como candidata a sede da Axencia Española de Supervisión de Intelixencia Artificial (Aesia) a finais de outubro.

Co obxectivo de crear unha candidatura de unidade apoiada por todo o tecido científico, económico, empresarial, educativo e administrativo galego, estabeleceuse un proceso de valoración no que o Nodo Galego de Intelixencia Artificial (Nodo galicIA) analizou ata 200 indicadores e decantouse pola Coruña como a mellor candidatura.

Canda A Coruña había outras cidades galegas interesadas, Santiago e Ourense, que tras a decición da Xunta puideron presentar a súas candidaturas á marxe do Goberno galego, posto que o Goberno estatal tamén aceptaba que as corporacións locais formulasen a súas propias propostas.

Santiago retirouse da carreira pola Aesia poucos días despois do anuncio oficial tras estudar unha posíbel reclamación pola designación da Coruña. Nese momento trasladou o seu apoio á candidatura da Galiza. 

Pola súa parte, Ourense decidiu seguir adiante e presentou, a pedimento do concello, as súas credenciais tanto para a Aesia como para a Axencia Espacial.

Axencia Española de Supervisión da Intelixencia Artificial

A creación desta axencia foi un dos requisitos do grupo parlamentario Más País-Equo para pactar o seu apoio aos Orzamentos Xerais do Estado para 2022. Como parte do acordo estabelecíase que a axencia estaría creada antes de final de ano.

De acordo á emenda incluída na lei de orzamentos, esta axencia actuará con independencia respecto ao Goberno español, aínda que dependerá da Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial, e dará seguimento aos proxectos públicos relacionados con esta tecnoloxía a nivel estatal e europeo.

A nova axencia forma parte, á súa vez, dunha lista de novas institucións cuxo futuro se antolla lonxe de Madrid, como a futura Axencia Espacial Española.

Comentarios