Gráficos

O BNG, en máximos históricos, consolida o seu crecemento e afiánzase como un dos referentes do soberanismo

Os resultados do BNG nas eleccións galegas deste 18-F súmanse ao crecemento constante nos comicios estatais e municipais, e sitúan a formación de Ana Pontón como a segunda de entre todas as forzas nacionalistas do Estado con máis apoios, só superada polo PNV, e a primeira entre as consideradas de esquerda.
Ana Pontón, no mitin de feche de campaña do BNG no Multiusos Fontes do Sar de Santiago, o pasado 16 de febreiro. (Foto: Arxina)
photo_camera Ana Pontón, no mitin de feche de campaña do BNG no Multiusos Fontes do Sar de Santiago, o pasado 16 de febreiro. (Foto: Arxina)

A pesar da quinta maioría absoluta consecutiva do PP, o BNG rachou o pasado domingo todos os teitos cunha suba sen precedentes en votos e escanos que consolidou e reforzou o papel de Ana Pontón como líder da oposición na Galiza. A formación nacionalista pasa de 19 a 25 escanos en catro anos e eleva os seus apoios en case oito puntos porcentuais, alcanzando un 31,57% inédito até o momento —só a candidatura de Xosé Manuel Beiras en 1997 superara o 25% de votos, mais ficara con 18 escanos—.

O Bloque foi tamén este 18-F a primeira forza opositora en lograr 25 escanos desde o PSdeG de Emilio Pérez Touriño en 2009, reeditando o resultado previo de 2005 —que, con todo, non abondou para manter o Goberno—. Só os resultados dos socialistas naquela derrota de Manuel Fraga —25 escanos e 33,64% do voto— e en 1989 con Fernando González Laxe —28 actas e 32,81%— melloran o resultado do BNG como referencia da oposición no Pazo do Hórreo.

Botando a vista atrás, o ascenso das nacionalistas desde que Pontón asumiu o liderado en 2016 reflíctese nun aumento meteórico de apoios, chegando a multiplicar por catro o pouco máis de 8% dos sufraxios e seis escanos que sumara aquel ano no que En Marea irrompeu con forza e tornou na segunda forza após o PP.

 

"Este país xa cambiou. Hai un antes e un despois e non hai marcha atrás, hai unha cidadanía ilusionada que non se conforma nin se resigna vendo como Galiza vai a menos mentres outros avanzan", afirmaba a líder nacionalista na noite do domingo unha vez rematado o reconto de votos.

E, de feito, o seu resultado sitúa o Bloque nestes momentos como a formación nacionalista de esquerda con máis apoios de todo o Estado español, e superada só en votos polo PNV, considerado no espectro político tradicional máis orientado cara o centro-dereita. É, aliás, a que máis medrou nas dúas últimas citas ao seu parlamento.

Ollando cara a Euskadi, nas anteriores eleccións á Cámara vasca —están aínda pendentes de convocatoria as deste 2024— o PNV situouse como a forza máis votada con 39,07% dos votos, fronte ao 27,86% que consolidou EH Bildu como segunda forza e primeira da oposición —os jeltzales gobernan en coalición cos socialistas do PSE-EE—.

 

E en Catalunya, ERC é hoxe a principal forza do soberanismo co 21,3% dos sufraxios obtidos en 2021, seguido de Junts co 20,07% e a CUP co 6,68%. Malia comezar a lexislatura gobernando en coalición, Junts acordou abandonar o Govern en 2022 e, desde entón, Pere Aragonès goberna en solitario. Os novos comicios están previstos para o vindeiro ano.

Un crecemento consolidado

O éxito recente do BNG non se limita ao Parlamento galego, pois o pasado ano consolidou o seu crecemento tamén nas eleccións municipais e mais as estatais. No plano local, o nacionalismo logrou un 17,25% dos sufraxios totais, a súa mellor marca desde o 19,15% de 2007, e fíxose con 36 alcaldías, destacando as de Pontevedra e Santiago. Ademais, entrou en máis dunha decena de gobernos locais da man do PSOE, salientando o caso da cidade de Lugo.

 

E, igualmente, en 2023 sumou os terceiros comicios ás Cortes españolas consecutivos nos que mellorou os seus resultados, alcanzando un 9,48% do voto na Galiza que lle permitiu manter o escano de Néstor Rego pola circunscrición da Coruña e quedar ás portas de obter unha segunda acta, para Carme da Silva —agora senadora—, por Pontevedra.

O Bloque foi, canda EH Bildu, a única formación soberanista que mellorou o pasado ano os seus resultados a respecto de novembro de 2019, fronte a unha CUP que ficou fóra do Congreso e a caída en papeletas e representación de PNV, ERC e Junts.

 

Comentarios