As forzas soberanistas contemplan na súa proposta ao Congreso o mecanismo que podería levar á independencia

A proposta soberanista prevé que as nacións poderían formar un estado propio de gañar a opción independentista co máis do 50 por cento dos votos emitidos.
BNG, ERC e Amaiur

A proposición non de lei presentada esta semana por BNG, Amaiur e ERC ante o Parlamento para o recoñecemento do dereito de autodeterminación contempla os mecanismos que poderían levar á independencia. No articulado da proposta (no título II)  estabelécense as canles tanto para convocar o referendo de autodeterminación nacional (art. 4) como para o exercicio dese dereito (art.5).

Así, no artículo 5.3 recóllese que "en caso de que máis do 50% dos votos emitidos no referendo sexa favorábel á independencia respecto do Estado español, o goberno autónomo proclamará a independencia da nación". Para considerar válido o referendo de autodeterminación a participación tería que superar o 50% do censo electoral.

"En caso de que máis do 50% dos votos emitidos no referendo sexa favorábel á independencia a respecto do Estado español, o goberno autónomo proclamará a independencia"

Como sería o proceso de independencia?

Xa que logo, se no referendo participa máis do 50% do censo electoral e máis do 50% dos sufraxios son pola independencia, iniciaríase o proceso para dar ese paso. Os mecanismos para iso contémplanse no artículo 6 do Título III da proposta.

Así, dise que unha vez que o goberno autonómico proclame a independencia, "iniciarase a negociación co Estado español para establecer os dereitos e deberes de cada cal no proceso de transición". Este proceso, que terá que ser "paulatino e non traumático", procura a eficiencia no traspaso de poderes e evitar un caos no económico e institucional.

É máis, as forzas soberanistas emprazan nesta proposición non de lei ao Estado español a que nese proceso de transición "promoverá e facilitará o recoñecemento internacional do novo estado". E contempla que en caso de existiren discrepancias entre España e a nación que camiña cara a independencia, "calquera  das dúas partes poderá solicitar a mediación de Nacións Unidas".

Como convocar?

Na proposta presentada por BNG, Amaiur e ERC sinálase que o referendo pode ser convocado polos gobernos autónimicos a instancias propia ou do Parlamento, ou ben polo 20% do censo das últimas eleccións municipais seguindo o proceso estabelecido para a iniciativa lexislativa popular no seu territorio.

Comentarios