BNG, Amaiur e ERC presentan no Congreso a proposición de autodeterminación

BNG, Amaiur e ERC veñen de presentar no Congreso español a proposición conxunta pola autodeterminación dos pobos. As tres formacións queren abrir o debate na Cámara baixa sobre o dereito a decidir destas tres nacións. "A democracia debe ofrecer garantías para a libre expresión das persoas, mais tamén dos pobos".
Deputad@s de BNG, Amaiur e ERC
photo_camera Deputad@s de BNG, Amaiur e ERC

Unha proposición de lei conxunta para o recoñecemento como nacións, "co seu conseguinte dereito de libre determinación", de Euskal Herria, Països Catalans e Galiza. Este é o cerne da iniciativa presentada esta quinta feira no Congreso por BNG, Amaiur e ERC e co que queren pór sobre a mesa o recoñecemento do dereito a decidir para estes tres pobos.

 "A misión do Estado de Dereito non consiste en coartar e impedir o exercicio de tales anceios, senón todo o contrario"

Na proposición non de lei explícase que "a democracia debe ofrecer garantías para a libre expresión das persoas mais tamén dos colectivos; para a igualdade de oportunidades entre persoas mais tamén entre os pobos; e para a maior libedade das persoas pero tamén para as comunidades que así o persigan». E, por tanto, "a misión do Estado de Dereito non consiste en coartar e impedir o exercicio de tales anceios, senón todo o contrario, garantir o seu desenvolvemento e facilitar o seu exercicio".

No documento as tres formacións propoñen a transposición "ao ordenamento xurídico español o dereito á libre determinación das nacións" de acordo cos principios subscritos polo propio Estado a través da "ratificación de diversos Tratados internacionais", entre eles o Pacto Internacional de Dereitos Civís e Políticos (1976) en que se recoñecen --afirma o documento achegado por Amaiur, BNG e Esquerra-- que "todos os pobos teñen dereito á autodeterminación. En virtude deste dereito determinan libremente a súa condición política". Neste senso, a lei procura "o desenvolvemento dos artigos 23 e 92.3 da Constitución española".

O proposición de lei rexistrada esta quinta feira recoñece "como nacións e co seu conseguinte dereito á libre determinación" a Euskal Herria --conformada polos catro territorios forais-- Països Catalans e Galiza. Porén, "serán consideradas nacións a efectos da presente lei aquelas que así o definan" quer nos seus Estatutos quer por vontade parlamentar.

BNG, Amaiur e ERC recoñecen que o seu obxectivo é "levar o debate sobre a autodeterminación dos pobos ás Cortes españolas"

Aliás, a norma proposta recolle a transferencia das competencias en materia de referendos --até o de agora exclusivas do Estado-- á fin de que as nacións poidan convocalo en aras da súa autodeterminación nacional, iniciándose así, un proceso de transición que podería levar á súa independencia como Estados de seu.  

Malia que @s populares contan con maioría na Cámara --o que constitúe un atranco na aprobación da proposición de lei-- as formacións políticas que a promoven recoñecen que o seu obxecto é "levar o debate sobre a autodeterminación dos pobos ás Cortes", unha cuestión rara vez tratada no Parlamento español. 

Comentarios