Arroxo afirma que a dimisión de Méndez non afectará o pacto de Goberno de Lugo

A alcaldesa formalizará a súa marcha na sexta.
Lara Méndez, do PSdeG, e Rubén Arroxo, do BNG.
photo_camera Lara Méndez, do PSdeG, e Rubén Arroxo, do BNG.

O portavoz do BNG e tenente de alcaldesa do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, afirmou esta terza feira, ante o anuncio da dimisión da alcaldesa, Lara Méndez, para formar parte da candidatura do PSOE nas eleccións galegas, que o BNG "seguirá a traballar no proxecto de cambio que se iniciou hai catro anos e medio". 

Arroxo incidiu en que "todo o mundo pode ver o cambio que está a experimentar Lugo nos últimos anos", e explicou que o BNG mantén intacto o compromiso para continuar co labor de facer de Lugo un "lugar mellor".

"Poden cambiar as persoas, mais o proxecto de cidade segue en pé", aclarou. Para o tenente de alcaldesa, o BNG sae ás eleccións galegas do 18 de febreiro "coa mellor candidata, Ana Pontón, que será a próxima presidenta da Xunta" e que "defenderá Lugo despois de 15 anos de total abantono por parte do PP".

A vindeira sexta feira, 12 de xaneiro, terá lugar en Lugo o pleno extraordinario no que Méndez formalizará a súa renuncia ao cargo de alcaldesa, menos de oito meses de revalidar o posto nas últimas eleccións municipais. 

Comentarios