Arquívase a causa aberta contra Baltar por prevaricación

José Manuel Baltar (segundo pola esuqerda) durante un pleno na Deputación de Ourense (Foto: Europa Press).
A causa abriuse por mor dunha querela interposta polo portavoz do Partido Socialista, Rafael Rodríguez Vilariño, contra o ente supramunicipal por impedir a compatibilidade do seu cargo co desempeño do seu posto de profesor no campus da Universidade de Vigo en Ourense.

O Xulgado de Instrución número 1 de Ourense acordou o sobresemento e arquivo provisional da causa aberta pola denuncia sobre un posíbel delito de prevaricación contra o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, e os portavoces do PP e Democracia Ourensá.

A causa abriuse por mor dunha querela interposta polo portavoz do Partido Socialista, Rafael Rodríguez Vilariño, contra o ente supramunicipal por impedir a compatibilidade do seu cargo co desempeño do seu posto de profesor no campus da Universidade de Vigo en Ourense.

Cabe presentar recurso

O maxistrado explica no auto, contra o que cabe presentar recurso, que "non pode ser considerado como contrario ao ordenamento xurídico" o feito de que os grupos políticos dos querelados rexeitasen a solicitude do deputado do Partido Socialista, en réxime de dedicación exclusiva, de compatibilidade do seu cargo.

Na propia sentenza, o instrutor afirma que "non deixa de ser significativo" o feito de que a querela "non se dirixa contra todos os deputados que votaron en contra a compatibilidade, senón unicamente contra o presidente da Deputación".

O xuíz considera ademais "significativo" o manifestado no debate previo á votación do pleno polo portavoz do PP, quen afirmou que o solicitante non merecía a compatibilidade porque, ao seu xuízo, "non cumpría a exclusividade que ten recoñecida na Deputación".

"Un favor"

No auto tamén indica que o deputado de Democracia Ourensá apuntou neste debate previo que, cando a algún deputado se lle recoñece a compatibilidade, "estáselle facendo un favor" e que "polo comportamento do interesado prefería non facerlle este favor".