Baltar descártase como futuro conselleiro da Xunta e defende o papel das baronías

O líder dos populares ourensáns negou que houbese discusións ou tensións internas no seo do PPdeG e confiou en Alfonso Rueda como "un gran candidato".
Manuel Baltar, presidente da deputación ourensá (Foto: Deputación de Ourense)
photo_camera Manuel Baltar, presidente da Deputación ourensá, no seu despacho. (Foto: Deputación de Ourense)

O presidente do PP de Ourense, José Manuel Baltar, defendeu esta quinta feira o papel das baronías provinciais no PPdeG e descartou que opte a un posto como conselleiro na próxima etapa da Xunta.

Nunha entrevista concedida á Cadea Ser e recollida por Europa Press, Baltar sinalou que, "dado que as provincias existen e están na Constitución", o funcionamento "lóxico" é o provincial. "Despois existe unha organización a nivel autonómico. A autonomía para desenvolver a nosa función é máxima", destacou.

O presidente da Deputación de Ourense rexeitou ademais optar a un posto como conselleiro, asegurando que "presidir o Goberno provincial é o máximo". "Estou por Ourense e non hai ningunha outra forma mellor de estar que presidir o seu Goberno", insiste.

Baltar defendeu a idoneidade de Alfonso Rueda como sucesor de Alberto Núñez Feixoo. "Coñece perfectamente a Administración, tamén as locais. Conta coa máxima experiencia e pola súa preparación e as súas capacidades, reúne todas as condicións para ser un perfecto presidente da Xunta", afirmou.

O "gran candidato" que ve en Rueda contará, di, cun 'plus': que Feixoo sexa o próximo presidente de España. O líder dos populares ourensáns tamén encomiou o actual presidente do Goberno galego, ao que cualificou de "fóra de serie".

"Estamos a falar do presidente con maior experiencia, maiorías absolutas, que representa unha idea da Galiza, e agora de España, conciliadora, moderada e contundente na defensa dos seus intereses", comentou.

Baltar negou que houbese discusións ou tensións internas e subliñou que as opinións vertidas no seu caso "non son opinións persoais, senón como representante da organización que representa".

Aposta porque a sucesión se dea "cando antes, mellor", e descarta unha bicefalia —un presidente do PPdeG e outro da Xunta—. "Daremos unha resposta rápida e serena, pero confiábel cara ao futuro", aseverou.

Comentarios