O PSdeG urxe medidas fronte á inflación

Valentín González Formoso critica a "inacción" da Xunta diante da crise de prezos.
Os alimentos encarecéronse 15% no último ano. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)
photo_camera Os alimentos encarecéronse 15% no último ano. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press)

O secretario xeral dos socialistas galegos, Valentín González Formoso, criticou esta cuarta feira a "inacción" do Goberno galego fronte á suba de prezos. Neste sentido, preguntouse "onde está Alfonso Rueda e o seu Goberno" diante da "maior carestía dos prezos nos últimos 40 anos".

Formoso, que acudiu ao ferrolán mercado da Magdalena en compañía do alcalde da cidade, Ángel Mato, denunciou "a suba de prezos que afecta especialmente ás familias de clase media e traballadora galega, así como ás pemes e aos autónomos".

O dirixente socialista lamentou que no orzamento da Xunta da Galiza non haxa "ningunha medida para axudar as familias e empresas galegas ante as dificultades económicas". A este respecto, criticou que "as medidas máis salientábeis adoptadas polo Goberno galego até o momento foron a rebaixa do Imposto de Patrimonio para os millonarios e a retirada da tarxeta básica da que se beneficiaban milleiros de familias galegas".

O máximo responsábel do PSdeG acusou o presidente galego, Alfonso Rueda, de "apropiarse das políticas do Estado para agochar a súa inacción e falla de implicación coa sociedade galega". Neste sentido, puxo como o exemplo, a bonificación do transporte interurbano, o bono alugueiro para as persoas mozas ou as axudas á rehabilitación de vivendas.

Formoso contrapuxo as políticas do Goberno do Estado coas da Xunta da Galiza. Así, referiuse aos "45.000 millóns de euros investidos desde o Executivo de Pedro Sánchez para paliar o impacto da suba dos prezos nas persoas máis desfavorecidas da sociedade, pero tamén nas familias de clase media e traballadora".

O secretario dos socialistas destacou, entre as medidas de Sánchez, a baixada do IVE na electricidade e en determinados produtos de alimentación ou a limitación de 2% na suba dos alugueiros.

Comentarios